A III Olimpíada Galega de Historia adopta o formato virtual

luns, 6 de abril do 2020 S. P.

A terceira edición da Olimpíada Galega de Historia que estaba prevista para o vindeiro 22 de maio no Campus de Ourense vaise celebrar, por mor da actual crise sanitaria e co obxectivo de garantir as mellores medidas de control e protección, en formato virtual. Así o vén de confirmar a Facultade de Historia, organizadora do evento, sinalando que “debido ao actual contexto educativo derivado da loita contra a COVID-19, anulouse a celebración presencial da olimpíada e apostouse pola súa realización virtual”, lanzando un novo proxecto que adapta a actividade para ser desenvolvida dende os fogares dos participantes, “en consonancia co que se está realizando na Universidade de Vigo”.
Este proxecto retoma boa parte dos fitos acadados na anterior edición, que se desenvolveu en parte a través da plataforma Kahoot, agás na fase final do certame.
Na III Olimpíada Galega de Historia, que ten un formato de pregunta-resposta, pode participar o alumnado matriculado no curso 2019/2020 en cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria ou Educación Secundaria de Adultos dos centros de Ensino Secundario de Galicia. Segundo informa a organización, mantense o formato previsto na convocatoria de catro estudantes por equipo que estarían conectados entre si por Rede, asumindo un deles a tarefa de coordinación en conexión coa organización a través dunha aula do Campus Remoto da Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE