A IV edición do Congreso XoveTIC congregou a máis dun centenar de asistentes

venres, 22 de outubro do 2021 S. P.

O Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, celebrou este mes de outubro a súa cuarta edición, que congregou a máis dun centenar de asistentes en formato híbrido. Investigadores e investigadoras júnior presentaron un total de 62 traballos no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, sendo un espazo de encontro para o debate científico e un impulso para a súa formación.
Ademais das comunicacións orais e os pósteres presentados, celebráronse dúas conferencias plenarias, a cargo da directora da Área de Tecnoloxía da UPF Barcelona School of Management, Ana Freire, que explicou coa súa charla Tecnoloxía deseñada por e para o ser humano como se pode aplicar a tecnoloxía na saúde mental e axudar na prevención do suicidio. O membro do Comité Asesor de Directores do INESC TEC de Porto e profesor da Universidade do Minho, Rui Carlos Oliveira, ofreceu o seu relatorio Emergency Research: Help fighting a pandemic, achegando o traballo realizado coa aplicación Stayaway COVID.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, clausuraron o acto tras a entrega de premios, na que se recoñeceron os mellores traballos valorados por parte do comité científico do XoveTIC, atendendo á súa calidade, excelencia e orixinalidade. Cada premio estivo dotado cunha gratificación económica de 300 euros.
Os traballos premiados foron:
SparkEC: una herramienta Big Data para la corrección de errores en lecturas genética, presentado por Marco Martínez Sánchez. Entregou o premio en representación do Clúster TIC de Galicia o director xeral de Imatia, Fernando Vázquez.
Multiple-Choice Question Answering Models for Automatic Depression Severity Estimation, recollido por Anxo Pérez, coautor do traballo, en representación de Jorge Gabín, quen realizou a exposición. Entregou o premio o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo.
Detección de ataques de DoS en un entorno IoT controlado por protocolo MQTT basado en clasificadores binarios inteligentes, presentado por Álvaro Michelena. O recoñecemento foi realizado por parte do director da área IT e Enxeñería de Software do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Óscar González Represas.
Collaborative Digital Twin: a Novel Open-Source Augmented Reality Solution for Training and Maintenance Processes in the Shipyard of the Future, exposto por Aida Vidal Balea, e galardoado pola Cátedra Aldaba WIB, a Cátedra UDC-Everis en Transformación Dixital e a Cátedra R en Ciberseguridade; entregou o premio o decano da Facultade de Informática da UDC, Mariano Cabrero Canosa.
Practicum Direct Simulador para la toma de decisiones durante pandemias, exposición realizada por Alejandro Puente e premiada pola Fundación CITIC de Galicia (FCITICG). Acudiu en representación do Concello da Coruña, membro do padroado da FCITICG, o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña, Jesús Javier Celemín Santos.

PUBLICIDADE