A Illa de San Simón acollerá a II edición de #NeThinking, os días 7 e 8 de marzo

luns, 13 de febreiro do 2012 Raquel Noya

A lenda sitúa á Illa de San Simón como un lugar singular e importante da historia de España, que xa dende a prehistoria estaba chamada a representar o espazo de creación e reflexión por antonomasia do noso país, un espazo universalmente recoñecido como seo de cultura e coñecemento, que botou man das novas tecnoloxías para facer máis doado o camiño da internacionalización.
E esa é, precisamente, a intención da Fundación que leva o seu nome, a Fundación Illa de San Simón, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que pretende convertela nun “lugar de pensamento libre”, nun centro de reflexión a nivel internacional, para o que bota man das redes sociais e das posibilidades da web 2.0, algo que xa fixo no 2011 e que repetirá este ano cunha nova aposta polo virtual.
A programación para este ano 2012 da Fundación ábrese, xa que logo, coa II edición do congreso de comunicación e redes sociais #NeThinking: Como comunicarnos, que se celebrará os vindeiros días 7 e 8 de marzo.
Este evento levará á Illa do Pensamento a destacados e influentes expertos da Rede como a xornalista Eva Hache, o cineasta Nacho Vigalondo, o músico Julián Hernández, recoñecidos e activos blogueiros como José Jiménez Moltó (Kurioso); editores de medios dixitais e expertos en redes sociais como Javier Celaya, Ismael El-Qudsi, Juanjo Amorín, Marilin Gonzalo ou Eduardo Arcos, entre outros.
Tamén participará o consultor Antonio Delgado; a especialista en seguridade informática Elena Gómez del Pozuelo; destacados xornalistas multimedia como Mario Tascón, Antón Losada e Carmela Ríos; e expertos en comunicación de diferentes universidades galegas como Francisco Campos, Xosé López, Manuel Gago ou Valentín Alejandro Martínez; así como a laureada blogueira cubana Yoani Sánchez, autora do blog Generación Y, que está considerado como un dos 25 mellores do mundo. Esta última participará no foro de xeito virtual.
A programación da Fundación para este ano complétase coa celebración do congreso Neuromagic 2012, os días 7 e 8 de maio e o Testemuños do Futuro, previsto para o 29 de xuño e 1 de xullo.

PUBLICIDADE