A Illa de San Simón acubillará un obradoiro de start-ups tecnolóxicas de 72 horas

xoves, 8 de outubro do 2015 Redacción

Esta semana presentouse a segunda edición dunha iniciativa destinada a facilitar entre os nosos estudantes os recursos máis indicados para convertérense en emprendedores e innovadores. Estamos a falar do evento 3 Day Startup Vigo, unha actividade de balde que convida aos alumnos da Universidade (arredor duns corenta) a meterse na pel de quen ten entre mans unha nova iniciativa de mercado, con todo o que iso implica (retos, desafíos, ilusión). Para que a experiencia sexa o máis semellante posíbel á realidade dos emprendedores, xuntaranse os participantes durante 72 horas nun ambiente propicio de formación e “intensa convivencia” na Illa de San Simón. O seu obxectivo: crear unha start-up de base tecnolóxica centrada na explotación e uso dos recursos mariños en todas as súas vertentes: turismo, saúde, alimentación, medios de comunicación...
Na presentación do evento participou o reitor da UVigo Salustiano Mato, que salientou o “elevado interese” da metodoloxía que se vai aplicar no evento, unha serie de fórmulas “que crean cultura de emprendemento e alíñanse moi ben co resto de iniciativas que impulsamos neste ámbito, coma os premios INCUVI-Emprende ou a Escola de Emprendedores do propio Campus do Mar”, recalcou Mato, que estivo acompañado na presentación aos medios pola docente da Facultade de Bioloxía Maruxa Álvarez, responsábel local da organización do evento; Ángeles Pariente, responsábel de comunicación de 3DS a nivel nacional, e a técnica de Campus do Mar Cristina Quelle.
Segundo fixeron saber, o formato do 3 Day Startup xurdiu nos Estados Unidos e estendeuse logo aos cinco continentes: a idea é condensar nunha fin de semana todo o proceso de xeración dun proxecto empresarial, desde o nacemento da idea até o desenvolvemento dos primeiros prototipos, o deseño dun modelo de negocio e a presentación ante os posíbeis investidores. A primeira edición da experiencia na Universidade de Vigo rexistrou máis de 200 solicitudes de participación, entre as que foron seleccionados os 38 finalistas. Unha das principais particularidades da segunda convocatoria con respecto da primeira radica na natureza ou temática do emprendemento a impulsar: desta volta a columna vertebral da experiencia é exclusivamente o mundo mariño.
En total ofértanse 40 prazas e a cita será nesta ocasión a fin de semana do 6 ao 8 de novembro “non supoñendo para os finalistas ningún tipo de gasto”. Todas as persoas interesadas deben inscribirse na web do evento e despois será a propia organización a que se encargue de facer a selección dos finalistas. As actividades iniciaranse o venres 6 ao mediodía, cando un barco levará aos 40 participantes e aos seus mentores ata a illa de San Simón, onde convivirán e traballarán ao longo de toda a fin de semana. Unha vez instaladas e instalados, o primeiro paso será a posta en común de ideas relacionadas co mar para a creación dunha start-up, de entre as que seleccionarán cinco ou seis sobre as que traballar o resto da fin de semana. Formados os equipos terán até o domingo pola tarde, que será cando presenten un prototipo ante un xurado composto por profesionais do mundo do emprendemento e investidores para crear e desenvolver o proxecto.

PUBLICIDADE