A Impresión 3D na enxeñaría civil e na biomedicina, ao detalle nunha xornada na UDC

luns, 10 de febreiro do 2020 Redacción

A Agrupación Estratéxica do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da UDC organiza este xoves, 13 de febreiro, un encontro divulgativo e participativo para impulsar a presenza activa das tecnoloxías de Impresión 3D en ámbitos de gran complexidade en materia de desenvolvemento de proxectos como son a construción e a saúde. A Xornada sobre manufactura aditiva: interese, aplicacións e perspectivas en enxeñaría civil e biomedicina, vén da man do catedrático de Enxeñaría do Terreo Jordi Delgado.
A xornada, que terá lugar no salón de graos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, comezará ás 9:30 horas coa inauguración a cargo do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o director da Escola de Camiños, Ignasi Colominas; a coordinadora do Campus Innova, Susana Ladra; e o coordinador da Agrupación Estratéxica CITEEC, Jerónimo Puertas. A continuación, intervirá o coordinador da xornada, Jordi Delgado, e seguirase co programa.
· 10:05h. Aplicacións industriais de manufactura aditiva con materiais avanzados. Itziar Goiokoetxea, enxeñeira de Aplicación, especializada en Manufactura Aditiva Stratasys.
· 10:55h. Manufactura Aditiva e Aplicacións en LaMeRoc, Jordi Delgado, coordinador do Laboratorio Mecánica de Rocas no CITEEC.
· 11:50h. Impresión 3D no Hospital de Cruces: unha revolución a medida, Rubén García, técnico de Innovación e coordinador do Laboratorio de Tecnoloxías 3D, Unidade de Innovación IIS Biocruces Bizkaia – OSI EECruces. A conferencia de Rubén García versará sobre os avances da Impresión 3D no ámbito da saúde e de como esta tecnoloxía está implementándose nos hospitais a partir da experiencia no Hospital de Cruces.
· 12:40h. Un mundo dixital, Eduardo Fragueiro, comercial de Pixel Sistemas SL. e Blas Molero, director IBERISA e experto en cálculo por elementos finitos.
· 13:30h. Meda redonda e clausura a cargo de Jordi Delgado, moderador, e Susana Ladra, Itziar Giokoetxea, Rubén García e Blas Molero.
Cunha visita ás instalacións do CITEEC ás 15:15 horas rematará esta xornada.
A organización habilitou na Rede máis información sobre a xornada e a posibilidade de facermos a inscrición.

PUBLICIDADE