A India recibirá a semana que vén ao smartphone HTC Wildfire X

mércores, 14 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Hai 9 anos o HTC Wildfire era un dos smartphones de entrada máis populares de aí que sorprenda que agora lembren esa marca e estrea a preparar para a India o HTC Wildfire X, un teléfono cun procesador MediaTek Helio P22, pantalla IPS HD+ de 6,22 polgadas cunha pequena pestana superior para unha cámara frontal de 8 Mpíxeles e unha cámara traseira tripla (cun sensor principal de 12 Mpíxeles, un telefoto de 8 Mpíxeles e un sensor de profundidade de 5 Mpíxeles).
Este novo smartphone tamén contará con lector traseiro de pegadas dixitais, lector de tarxetas microSD, conector de auriculares, batería de 3.300 mAh con carga rápida de 10 watts por USB-C e sistema operativo Android 9, que estará dispoñible con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento por 9.999 rupias (125 euros) e con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento por 12.999 rupias (163 euros). Chegará ao mercado o 22 de agosto, e non hai indicios sobre a súa comercialización fóra da India, polo que non semella que a marca HTC vaia recuperar o pulo perdido entre os móbiles de gama media-baixa.
Cómpre matizar que este novo smartphone non está fabricado pola propia HTC, senón que simplemente licenzou a marca ao fabricante taiwanés InOne Smart Technology.

PUBLICIDADE