A Industria 4.0, ao detalle os vindeiros 9 e 10 de maio nas sedes de GAIN e CIS Galicia

martes, 26 de abril do 2016 Redacción

Os días 9 e 10 de maio vaise celebrar na nosa terra o Multi-Foro Industria 4.0, un evento que ten o obxectivo de facilitar a adaptación das empresas industriais ás tecnoloxías da Industria 4.0, en palabras dos organizadores do encontro “tecnoloxías que están a configurar unha nova realidade industrial a escala global”. A cita contará con representantes dos gobernos galego e estatal, presentando os detalles da folla de ruta da Industria 4.0 para ámbalas administracións. Entre outros, participarán o presidente da Xunta, o ministro de Industria e directivos das empresas Indra, Telefónica, Navantia ou Grupo PSA. Tamén achegarán relatorios a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Centro Tecnolóxico Gradiant, EnergyLab ou a axencia AMTEGA.
Os representantes das devanditas entidades analizarán as tecnoloxías clave do que se coñece como Industria 4.0. Farano en catro foros temáticos, que se desenvolverán durante os días 9 e 10 de maio nas sedes de GAIN en Santiago e en Ferrol (CIS Galicia). De maneira paralela, habilitarase unha sala de exhibición onde os asistentes poderán coñecer o primeiro prototipo galego de coche autónomo e de UAV (Vehículo Aéreo non Tripulado), ver como funciona un robot colaborativo, presenciar un proceso de deseño 3D e fabricación dixital, coñecer tecnoloxías de impresión 3D (bioimpresión) ou probar novos dispositivos de realidade virtual que se lanzarán ao mercado en 2016. Por temáticas, estas serán as principais no Multi-Foro: nanotecnoloxía, robótica, fabricación aditiva, impresión en 3D, bioimpresión, realidade virtual, realidade aumentada, simuladores, computación, UAV ou drons.

PUBLICIDADE