A Industriosa (Vigo) celebra en maio e xuño un obradoiro de iniciación ao modelado 3D con Blender
mércores, 7 de maio do 2025
A Industriosa, local vigués centrado na cultura e as tecnoloxías abertas, creativas e participativas, vai celebrar esta tempada un Obradoiro de Iniciación ao Modelado 3D con Blender. Será, en palabras do centro de traballo innovador, “unha oportunidade perfecta para iniciarnos no mundo da modelaxe e animación 3D”.
O curso está estruturado en 4 sesións presenciais, co obxectivo de que poidamos aprender de forma gradual e práctica sen sobrecarga de contidos.
As clases terán lugar os mércores 7 e 21 de maio, e 4 e 18 de xuño, en horario de 19.00 a 21.00 horas, no devandito local. Este formato quincenal permite tempo entre sesións para practicar, revisar o aprendido e chegar con dúbidas resoltas á seguinte clase.
Blender é un software gratuíto de código aberto para a creación de contidos 3D. “Trátase dunha ferramenta moi versátil coa que se poden facer diferentes tarefas relacionadas co modelado, coa creación de escenas ou coa animación de elementos e personaxes en 3D”, adiantan dende A Industriosa.
Este obradoiro, para o que non son precisos coñecementos de Blender ou de modelado 3D, será “unha primeira toma de contacto co espazo de traballo, cos editores e ferramentas da parte de modelado, para comprender a forma de traballar e como movernos polo programa”. A actividade será impartida en varias sesións:
Sesión 1: Conceptos básicos de modelado 3D
07 de maio de 19 a 21:00
Interface. Navegación 3D. Atallos de teclado. Selección e transformacións básicas. Ferramentas de modelado e modificadores.
Sesión 2: Modelado 3D
21 de maio de 19 a 21:00
Emprego de diferentes metodoloxías, técnicas e ferramentas para obter un modelar un obxecto 3D dende cero a partir de primitivas, dun gráfico vectorial ou empregando imaxes como referencia.
Sesión 3: Retoque de modelos 3D
04 de xuño de 19 a 21:00
Modificar ou axustar un modelo importado ás nosas necesidades. Sobre todo se son modelos para imprimir en 3D, porque é preciso que cumpran unhas determinadas características para que sexan imprimibles.
Sesión 4: Texturas e animación
18 de xuño de 19 a 21:00
Verase o uso de texturas para modificar o aspecto dos nosos modelos. E os conceptos básicos de animación para crear secuencias nas que os modelos ou cámaras non sexan estáticos.
