A Industriosa acolle este sábado a presentación de proxectos do Fab Academy 2025

luns, 22 de setembro do 2025 S. P.

O vindeiro sábado 27 de setembro ás 11:30h, A Industriosa, espazo de tecnoloxías abertas e maker de Vigo, acollerá a presentación de proxectos do Fab Academy 2025, na que se darán a coñecer os traballos finais desenvolvidos polos dous primeiros graduados do nodo de Vigo: Pepe Vázquez e Francisco Ruz Quiroga, ambos investigadores da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.
Na sesión amosaranse os seus proxectos finais, xunto coa súa experiencia persoal durante o programa, así como o proxecto colectivo realizado na semana 12, a máquina Camera Slide. “Será unha oportunidade para coñecer de preto os retos superados e as aprendizaxes adquiridas ao longo desta edición”, explican dende A Industriosa.
O Fab Academy é un programa internacional de formación en fabricación dixital, coordinado polo MIT, que reúne cada ano a centos de estudantes de todo o mundo. A Industriosa volverá ser nodo oficial durante o primeiro semestre de 2026, estando xa aberto o prazo de inscrición para novas incorporacións.