A Industriosa acolle o sábado 13 unha xornada creativa sobre son de alta resolución en sistemas abertos

luns, 8 de xullo do 2024 S. P.

O vindeiro sábado 13 de xullo, en horario de mañá (de 11.00 a 13.30 horas), o centro vigués de tecnoloxías abertas e innovación participativa A Industriosa acollerá unha xornada para mergullarnos nos conceptos básicos que nos permitan sacar proveito ao son de alta resolución en sistemas GNU/Linux, consellos tanto no uso de certo hardware como de configuracións de software e de ecualización da nosa sala de escoita. A xornada será impartida por Jorge Lama.
Tamén aprenderemos a usar Audacity para analizar arquivos de música e a optimizar varias ferramentas libres para reproducir arquivos Hi-Res.
Jorge Lama é membro de varios colectivos relacionados co mundo do software e a cultura libre, leva máis de 10 anos producindo podcast, polo que ten coñecemento en temas de gravación e edición de son, así como de micrófonos, interfaces de son, altofalantes e outro tipo de cacharros (amplificadores, ecualizadores, crossovers, #etc).
Para participar debemos realizar a nosa inscrición gratuíta en Meetup.
Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia Para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).

PUBLICIDADE