A Industriosa organiza un obradoiro para dotar a un muíño rural dunha rede LoRaWAN

xoves, 29 de xullo do 2021 S. P.

A Industriosa, asociación viguesa centrada nas tecnoloxías participativas e abertas, vai celebrar o vindeiro 7 de agosto, baixo as máis estritas medidas de seguridade sanitaria, un obradoiro ao aire libre de LoRaWAN, no que se abordarán varios retos para dotar de rede e servizos LoRaWAN un muíño dunha contorna rural: o muíño de Arnoso, en Covelo (Ponteareas).
Para quen non o saiba, LoRaWAN é unha especificación de rede de área ampla e baixa potencia (LPWAN: Low Power Wide Area Network) deseñada para habilitar redes sen fíos en todo tipo de contornas e impulsar o ámbito dos obxectos conectados, dotándoo as “cousas” con baterías para crear redes sen fíos de variado alcance.
O obradoiro inclúe unha charla introdutora do grupo TTN Vigo. Unha vez finalizada propoñeranse varios retos para abordar en grupos de traballo reducidos:
– Dotar ao emprazamento de cobertura LoRaWAN e conectividade con TTN.
– Desenvolver unha serie de sensores para obter datos do entorno.
– Colleitar datos dende TTN e preparalos para a súa visualización na web.
Cada reto levarase a cabo por un grupo de 3 persoas (máximo). Como moito abriranse 12 prazas (máis organización). O evento será levado a cabo ao aire libre nunha finca grande en Ponteareas, lindeira ao dito muíño. Trátase dun evento patrocinado pola Xunta a través de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica). Podemos formalizar a inscrición a través dun formulario específico en liña en Meetup.

PUBLICIDADE