A Internet Society critica os bloqueos anti-piratería
luns, 15 de setembro do 2025
A Internet Society advertiu nun novo informe de políticas que as medidas de bloqueo de contido en liña baseadas en DNS ou direccións IP, cada vez máis empregadas por gobernos de todo o mundo (e atendendo a casuística española de bloqueos promovidos por LaLiga), resultan pouco efectivas e adoitan provocar danos colaterais graves para usuarios e empresas. A organización pide priorizar solucións que actúen na orixe do contido ilegal en lugar de aplicar restricións técnicas que comprometen o carácter aberto e global da rede.
Segundo o estudo, este tipo de bloqueos, utilizados para combater desde xogos de azar non autorizados ata pirataría audiovisual ou ameazas á seguridade nacional, non eliminan realmente o material ilegal e poden interromper servizos lexítimos. Ademais, son facilmente evitables mediante redes privadas virtuais (VPN) ou cambios de servidor DNS, e incrementan os riscos para a seguridade e a privacidade dos usuarios.
O informe recolle exemplos como o sistema Escudo contra a pirataría implantado en Italia entre 2024 e 2025, que obrigaba a bloquear dominios e IP en trinta minutos. A medida acabou afectando servizos de Google, Cloudflare ou Google Drive, con interrupcións masivas que prexudicaron a empresas e cidadáns. A Internet Society advirte tamén de que obrigar a servidores de DNS públicos, como Quad9, a aplicar bloqueos pode erosionar funcións críticas de protección contra malware e phishing, reducindo a ciberresiliencia dun país.
Desde o punto de vista económico, estas políticas impoñen custos elevados a provedores e operadores, reducen a confianza na infraestrutura e provocan perdas de ingresos en negocios afectados por bloqueos excesivos. Por iso, a Internet Society recomenda actuar contra o contido ilegal na súa orixe, reforzar a cooperación internacional, promover a autorregulación informada dos usuarios e recorrer só a medidas de bloqueo como último recurso, de forma transparente, limitada no tempo e respectando o debido proceso legal.
Coa publicación deste informe, a entidade lembra que modificar os mecanismos básicos de Internet para frear determinados contidos pon en risco a súa arquitectura técnica e os principios que a fan unha rede aberta e accesible en todo o mundo.
