A Internet de alta velocidade chega finalmente ás rúas do Franco e do Vilar, en Santiago

luns, 18 de xaneiro do 2021 S. P.

JPEG - 59.9 KB
Unha imaxe de arquivo da rúa do Vilar compartida polo Concello

O Concello de Santiago e AMTEGA confirmaron que esta semana a veciñanza das rúas do Franco e Vilar, en plena zona vella de Compostela, terá ao seu alcance Internet de alta velocidade, con todas as vantaxes de comunicación, acceso ao coñecemento e ao lecer, operatividade empresarial, teletraballo e xestión que as tecnoloxías de fibra óptica avanzada poñen en xogo. Isto será posíbel grazas aos traballos despregados pola operadora Orange.
O Goberno local constatou que “unha vez comprobado o correcto funcionamento do servizo nas vivendas das ditas rúas e mailo control da instalación das acometidas individuais”, ampliarase o servizo de forma progresiva a outras contornas da cidade histórica, non só o que se denomina a “améndoa compostelá”.
O despregue, impulsado polo Concello, a axencia autonómica AMTEGA e a Dirección Xeral de Patrimonio, conta cun investimento privado de 2,4 millóns de euros. Con el, como dixemos, cubrirase todo conxunto da cidade vella.
A destes días é a última fase do proxecto impulsado para facilitar o despregue de redes de telecomunicacións “nesta zona especialmente protexida”, explicou o Concello, engadindo que o primeiro paso foi a elaboración dun catálogo de solucións técnicas, ao que seguiu o lanzamento dunha consulta pública a operadores, que concluíu o pasado mes de xuño coa solicitude de licenza de subministro de equipamento tecnolóxico por parte de Orange.
Desde entón, o operador veu desenvolvendo os traballos necesarios para dotar da infraestrutura fixa de telecomunicacións aos inmóbeis do conxunto histórico, cun investimento de 2,4 millóns de euros.
Este despregamento levouse a cabo utilizando caixas de baixo impacto visual nas fachadas e as canalizacións soterradas existentes, engadiu o Concello, explicando que a iniciativa abrangue “todo o ámbito do Plan Especial”, non só a améndoa do casco histórico. O proxecto contempla, tamén, a obriga o compartimentado de infraestruturas, o que “permitirá a outros operadores poder dar servizo no conxunto histórico utilizando as redes de Orange”.
O Catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia, que se creou con Compostela como modelo e fonte de inspiración, foi elaborado pola AMTEGA, o operador público galego RETEGAL e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para abordar o que nas súas palabras constitúe “unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofrecera ningunha solución”.
Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar (integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica), elaboráronse unha serie de propostas viábeis e con capacidade de extrapolación a outros conxuntos históricos.

PUBLICIDADE