A LAN party galega XGN Intermax AI Edition cumpre 25 anos e centrarase na IA
martes, 7 de outubro do 2025
A Intelixencia Artificial (IA) será o eixo central da maior LAN party galega, falamos da XGN Intermax AI Edition, que terá lugar do 10 ao 12 de outubro no recinto Feira Internacional dte Galicia Abanca, en Silleda (Pontevedra).
Cómpre subliñar que esta edición da XGN será especial, pois coincide co 25ª aniversario do evento, e contará cun programa de actividades moi amplo, con conferencias e obradoiros a cargo de persoas expertas en novas tecnoloxías. Estas conferencias e obradoiros terán lugar na zona Extranet, polo que tanto os inscritos na Intranet como aqueles que visiten o recinto o venres 10 e o sábado 11 de outubro poderán acudir de balde.
Indo a esta edición especial centrada na IA, protagonista de numerosas conferencias, como a centrada en Intelixencia Artificial aplicada á impresión 3D de medicamentos personalizados, a cargo de Álvaro Goyanes, de Fabrx AI; a que versará sobre IA e as súas aplicacións na música, de man de Santiago Costas, de Freak GZM; ou a que levará por título Un mundo de fantasIA, charla interactiva dende o punto de vista dun hacker sobre a evolución da IA e os seus beneficios que conducirá Kike Fontán, consultor de ciberseguridade en Read Team.
Asemade, o divulgador de Intelixencia Artificial Raúl Ordóñez, Jaspeante, impartirá a conferencia Intelixencia Artificial: o teu novo superpoder.
A IA tamén estará moi presente noutras charlas, como a que se centrará en 8n8 como ferramenta para aumentar potencial na era da IA, impartida por Marc Benito, enxeñeiro de software especializado en React e Next.js., ou a que levará por título Espremer o teu pc ao 100%, optimización de CPU e GPU para gaming, creación de contidos e IA, conducida polo youtuber Toro Tocho Reviews, nome baixo o que está Christian Sanz.
Alén disto, están programadas conferencias como Revivindo a tecnoloxía, da Game Boy Cor aos Macs modernos, a cargo de Edu Sánchez, enxeñeiro e creador de contidos técnico en La Manzana Mecánica, ou Do mundo real ao mundo dos videoxogos: como Fortnite, o
videoxogo máis xogado do mundo, abre novas portas para institucións e entidades, por parte de Algon Games.
No caso dos obradoiros, será Xabier Iglesias o que os imparta, responsable de ciberseguridade dunha importante cooperativa galega, quen contará coa asistencia de Jan Duinkerken, hacker ético e técnico de ciberseguridade da mesma empresa. Un dos talleres, para o cal é precisa inscrición, centrarase en electrónica e propoñerá construír unha radio FM dende cero, outro versará sobre como hackear dispositivos electrónicos, un terceiro centrarase no hacking ético e un cuarto na programación de baixo nivel con fundamentos da programación de sistemas operativos en arquitectura x86. Engadiranse obradoiros de cosplay, orientados a confeccionar disfraces e accesorios de personaxes de videoxogos, cinema, manga ou cómic.
A estas conferencias e obradoiros sumaranse moitas outras propostas na zona de acceso libre, como áreas de videoxogos, simuladores e lentes de realidade virtual. As persoas inscritas, as cales desfrutarán no recinto dun posto con conexión de altas prestacións, contarán a maiores con actividades exclusivas.
Engadir que esta edición da XGN Intermax AI Edition contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto o ano pasado, as e os participantes poderán navegar por segunda vez a unha velocidade de ata 40 GB, o dobre do que se acadaba antes da implicación de Intermax Technology no evento. Desta volta, o provedor galego de aloxamento, servidores e infraestrutura Raiola Netwoks súmase ao evento cun patrocinio.
