A LaconNetwork mantén o seu pulo tras 2 anos de encontros mensuais

venres, 27 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

A xornada que serviu de celebración do segundo aniversario da LaconNetwork no Centro Tecnolóxico de Arteixo, como era de prever, foi todo un éxito de asistencia, con máis de 200 participantes de toda Galicia que acudiron para conmemorar a consolidación do “momento gástrico de cada último venres de cada mes dos albaneis da nube, emprendedores , Internet e cloud computing”, que nesta ocasión estaba precedido por 2 coloquios que abordaban temas relativos ao emprendemento, e un relatorio por parte de Eduardo Fernández, vicepresidente e managing director de Research In Motion (RIM) en España, o que resultaba de especial interese ante a aparente crise que está a vivir a familia de produtos e servizos BlackBerry.
Os plenarios contaron cunha asistencia masiva que ateigaron o auditorio da moderna instalación de Arteixo, participación que tamén veuse reflectida na Rede, onde case igualouse o número de asistentes presenciais a través de videoconferencia, demostrando o interese do evento. Quen no puidera ver no seu momento as actividades formais desta LaconNetwork, conta cun arquivo de vídeo capturado co móbil en Qik, que pode servir para facerse unha idea do que supuxo esta experiencia cuxo formato pretende repetirse no futuro, incluso sen ter que agardar a outro aniversario, ante a boa resposta do público.

A asistencia ás mesas redondas e ao relatorio de Eduardo Fernández foi masiva

Nas mesas redondas participaron Lui Costas (La Opinión), Fernando Conesa (Universidade de Valencia), Víctor López (EGANET) e Antoni Paz (Knowledge Innovation Market) para falar de canles de desenvolvemento do emprendemento, e Manolo Ferreiro (El Ideal Gallego), José Valiño Blanco (Nova Galicia Banco), Martí Dalmases (KIM) e Guillermo Gonzalo Nieto (AJE Galicia) para achegarse á problemática do financiamento do emprendemento empresarial.
Pola súa banda, Eduardo Fernández (RIM) falou sobre a innovación, analizando factores como a velocidade dos cambios tecnolóxicos, a importancia dos ecosistemas á hora de ofrecer solucións e algún que outro detalle no que aproveitaba para defender a situación da súa compañía, dando a entender que a estratexia global de BlackBerry como plataforma é atinada pois responde a unhas necesidades reais en vez de orientar a súa posición no mercado cara a unha competición pola adopción de tecnoloxía punteira.

Eduardo Fernández falou de innovación, defendendo o punto de vista sobre a mesma que teñen dende RIM


Presentación amosada por Eduardo Fernández durante o seu relatorio

Aparte dos xa clásicos iPads, na LaconNetwork destacou a presenza dun tablet español con Android</A>


O transcurso informal da LaconNetwork foi tan fluído como é habitual neste tipo de eventos, aínda que máis rico do habitual pola grande afluencia de xente de toda Galicia, non faltando certa exhibición de trebellos tecnolóxicos por parte dos asistentes, que aparte dos xa típicos iPads, tamén presumían de tablets con Android e de terminais telefónicos bastante recentes coma o Galaxy Nexus de Google ou o enorme Galaxy Note, que cunha pantalla de 5,3 polgadas complica o trazado dunha liña que separe os smartphones dos tablets. Nesta mesma liña,
Camilo Ameijeiras (Primate) tamén amosou o que será a aplicación móbil oficial da LaconNetwork (actualmente en proceso de aprobación por parte de Apple), desenvolvida con Bits for meetings (B4M), ferramenta tecnolóxica que Andrés Ribera amosara no AppCircus que tivo lugar durante a pasada edición de MobileCONGalicia.

Camilo Ameijeiras amosounos como será a aplicación móbil oficial da LaconNetwork

PUBLICIDADE