A Lei de Administración Dixital de Galicia avanza na súa tramitación

martes, 20 de novembro do 2018 Redacción

O Anteproxecto de Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA) continúa a súa tramitación tras ser aprobado na comisión de persoal da Xunta de Galicia co voto favorable de todas as organizacións sindicais. A CIG, CCOO., CSIF e UXT amosaron a súa conformidade co articulado sometido a votación.
A LEDIXGA busca acadar un marco normativo único para consolidar unha administración integramente dixital, máis accesible e proactiva baseada en tres principios; só unha vez, evitando reclamar datos que xa obran en poder da Administración; a proactividade, empregar a información que a Administración ten do cidadán para prestar servizos personalizados e adiantarse ás súas necesidades e a automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.
O anteproxecto de Lei estrutúrase en oito títulos e 127 artigos que adaptan as obrigas das leis estatais 39 e 40/2015 á realidade do sector público autonómico para regular os aspectos fundamentais que permitan universalizar o uso e o acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais, así como os instrumentos de funcionamento interno para a xestión dixital da Administración.

Oficinas de atención á cidadanía e funcionario habilitado

Entre as principais novidades da Lei está a transformación das actuais oficinas de Rexistro nunha Rede de oficinas de atención á cidadanía nas que se prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos, solicitudes e documentación como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación.
Nesta liña, o anteproxecto de Lei tamén establece a posta en marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Con tal fin, a norma establece a creación do Rexistro electrónico xeral de apoderamentos.

Capacitación dixital

A norma define, por primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais, tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia, para que os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos dixitais e mellorar as súas competencias profesionais. Ademais, promoverase a inclusión dixital con actuacións de formación en función do nivel (alfabetización, capacitación e innovación dixital), na que a Rede de Aulas CeMIT constituirá un instrumento de apio importante.
Así mesmo, a lei contempla a definición dun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais.

Posto de traballo dixital

Senta as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público, coa dotación de medios para a realización do desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo, mobilidade, que deberá permitir: ouso de escritorios e aplicacións corporativas en calquera dispositivo e lugar; o emprego de terminais ou dispositivos adaptados aos perfís dos empregados públicos; e posibilitar contornas de traballo colaborativas e a creación de redes de usuarios con actividades comúns
Neste eido xa está en marcha o Plan de xestión e dotación de medios TIC con medidas como a dotación de novo equipamento, a homoxeneización do software e a centralización das ferramentas de xestión dos equipos.

Avaliación e seguimento

Para facilitar o seguimento dos avances na dixitalización e o seu impacto tanto no funcionamento interno como na relación cos cidadáns a norma contempla a creación dun sistema de indicadores da administración dixital. A análise da información que proporcione o sistema, xa en marcha, permitirá introducir melloras na implantación dos servizos.
Ademais, aposta pola potenciación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano asesor dixital para a extensión da modernización tecnolóxica da Comunidade Autónoma de Galicia.

PUBLICIDADE