A Lei de Administración Dixital permitirá universalizar o uso e o acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais

xoves, 21 de marzo do 2019 Redacción

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, a aprobación do Proxecto de Lei de administración dixital de Galicia, que permitirá consolidar unha administración integramente dixital e universalizar o uso e acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais.
Logo de precisar que o novo texto inicia o seu trámite parlamentario tras o período de exposición pública, e tras ser aprobada na mesa de persoal da Xunta co voto unánime de todas as organizacións sindicais, Feijóo asegurou que esta lei permitirá acadar un marco normativo único, baseándose en tres principios: só unha vez, é dicir, evitará reclamar datos que xa ten a Administración; proactividade, isto é, empregarase a información que a Administración ten para prestar servizos personalizados e adiantarse ás necesidades do cidadán; e automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.
Como outra das principais novidades, o presidente da Xunta subliñou que as oficinas de rexistro e atención á cidadanía transformaranse en espazos de asesoramento e apoio, axudando aos cidadáns nas xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos, solicitudes e documentación, como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación.
Así mesmo, crearase a figura do funcionario habilitado, que permitirá que unha persoa autorizada ou un funcionario poida realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Para facer isto posible, a nova norma prevé a creación dun Rexistro electrónico xeral de apoderamentos. E tamén da persoa autorizada, un terceiro que conta coa autorización dunha persoa para ter relacións coa administración pública no seu nome.
En relación á sede electrónica única, cómpre resaltar que a lei consolídaa como punto de acceso único, sinxelo e accesible na rede para calquera recurso ou servizo da Administración, dando gran relevancia á carpeta do cidadán. Non en van, na nova sede xa se configura como o espazo privado entre cidadáns e empresas, no que poden xestionar online toda a información referente aos seus trámites administrativos; e, nesta carpeta estará toda a información de carácter persoal e administrativo dispoñible na administración pública.

Con respecto á capacitación dixital, Feijóo asegurou que a futura lei definirá, por vez primeira, a creación dun marco galego de competencias dixitais, ou sexa, que «os cidadáns poderán acreditar os seus coñecementos neste eido e mellorar as súas competencias ao igual que facemos, por exemplo, para certificar o galego co modelo Celga». Resaltou que o documento contemplará a definición dun Plan de capacitación dixital do empregado público, que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais.
Tamén con respecto aos empregados públicos, esta norma sentará as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público e contará cos medios para o desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo e mobilidade.
Ademais, regulará o funcionamento dixital interno: o Arquivo Electrónico Administrativo será o elemento que albergará os expedientes do sector público autonómico en tramitación e os finalizados; e a plataforma de interoperabilidade pasaXe! será o nodo de intercambio de datos e documentos entre administracións públicas.
Co obxectivo de facilitar esta comunicación, Feijóo avanzou tamén a creación dun Mapa de interoperabilidade das administracións públicas galegas, que permitirá avaliar a documentación máis demandada e priorizar a incorporación de novos servizos a PasaXe!. Así, a Lei suporá a configuración dixital de procedementos administrativos e servizos para que teñan un funcionamento plenamente dixital.
En relación á infraestrutura dixital, o responsable do Goberno galego subliñou que o Centro de Procesado de Datos e a rede corporativa da Xunta constitúen a infraestrutura dixital básica necesaria para dar soporte á administración dixital. Así, a lei establecerá que a Xunta disporá dun Plan de continuidade dos servizos dixitais, que determinará os requisitos de seguridade, calidade e continuidade, as accións preventivas, correctivas e reactivas.
O novo documento prevé ademais o fomento da innovación dixital para impulsar novas formas de prestar servizos e incrementar a satisfacción dos usuarios. Para iso, crearase un foro de innovación dixital no que poderán participar empregados da Administración.
Por último, e para o seguimento dos avances, a norma contemplará a creación dun sistema de indicadores da administración dixital así como a potenciación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Feijóo concluíu lembrando que este proxecto de lei enmárcase no Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, posto en marcha en 2015, cun investimento de 27,7 millóns de euros en cinco anos. Unha vez completado, permitirá (ademais dunha Administración accesible para os cidadáns 24 horas, 365 días ao ano) un aforro superior aos 41 millóns de euros ao ano.

PUBLICIDADE