A Lei de violencia dixital galega contará con recursos e medidas específicas paras as vítimas de violencia de xénero

mércores, 25 de xuño do 2025 Redacción

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, anunciou recentemente que o texto que está a preparar a Xunta de Galicia para a que será a primeira Lei de Violencia Dixital de España incluirá medidas específicas de protección e atención ás vítimas de violencia de xénero. Así o indicou durante unha xornada profesional sobre violencia de xénero dixital e menores celebrada esta semana en Ourense, na que tamén participou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.
No seu relatorio, Roberto Barba destacou que a futura Lei de Violencia Dixital elaborada polo Goberno galego incorporará referencias concretas para facer fronte á violencia de xénero, e avanzou que se prevén «recursos e medidas de gran calado para paliar o sufrimento das vítimas deste tipo de violencia».
Nesa liña, o director xeral subliñou a necesidade de continuar traballando na sensibilización e prevención dos delitos contra as mulleres en todos os ámbitos sociais. Reiterou que a Xunta de Galicia colabora activamente cos distintos axentes sociais para seguir impulsando medidas e iniciativas neste campo. Nese sentido, mencionou ferramentas como a Guía de inicios para a detección das vítimas de violencia de xénero na empresa ou o Protocolo contra as violencias machistas e lgtbifóbicas no ocio nocturno.