A Leica Q terá unha edición limitada co gallo dos Xogos de Inverno
luns, 12 de febreiro do 2018
Coa
chegada dos Xogos Olímpicos de Inverno dende Leica decidiron presentar unha
edición Snow (neve en inglés) da cámara Leica Q,
apadriñada
por Iouri Podladtchikov, un deportista olímpico (campión mundial de snowboard) que destaca principalmente polos
seus acabados en cor prata e o seu corpo en cor branca, así como polo feito de
que estaremos ante unha edición limitada da que só haberá 300 unidades a nivel
mundial que sairán á venda o mes que vén.
Esta cámara cun sensor full-frame CMOS de 24 Mpíxeles é capaz de gravar vídeo
Full HD a 30/60 cadros por segundo, integra Wi-Fi para poder transmitir
fotografías e vídeos (ou para empregar o smartphone a xeito de mando a
distancia), o seu visor ten unha resolución de 3,68 Mpíxeles e o seu obxectivo
Leica Summilux de 28 milímetros con apertura f/1.7 convértea nunha excelente
ferramenta para disparar fotografías a pouca luz, así como para retratar
paisaxes ou fotografía de rúa.
Ao estarmos ante unha edición limitada, sobre dicir que o prezo é realmente de
infarto, de xeito que sairá
á venda a 5.395 dólares (4.388 euros), cando o prezo dunha Leica Q en cor
negra ronda os 4.250 dólares.
- A Leica Q Snow sairá á venda en marzo a 5.395 dólares