A Liga Pro-Teams de drons celébrase esta finde na praza de Armas de Ferrol

venres, 5 de xullo do 2024 S. P.

A praza de Armas de Ferrol acolle este venres e sábado, 5 e 6 de xullo, unha proba da coñecida como Fórmula 1 do aire: a Liga Pro-Teams de drons. Segundo avanzou o alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, “será un espectáculo único que se integra no calendario oficial da Real Federación Aeronáutica Española 2024 e que se encadra nas accións da Marca Ferrol para promocionar a cidade”. Engadiu que estamos ante un espectáculo seguro e de carácter gratuíto para o público que queira achegarse a presenciar as probas ou participar nas actividades de ocio.
O espectáculo comezará este venres, con actividades durante todo o día para o público, a saber, voo infantil (10:30 horas); probas abertas (Voa o teu dron, 16:00 horas), adestramentos oficiais (20:30 horas) e presentación de equipos (22:00 horas).
E o sábado, día de carreiras, haberá gafas FPV (First Person View) de balde para o uso do público, música, fotos con pilotos, stream en directo, entrevistas e toda a adrenalina das carreiras. Os adestramentos de ese día comezan ás 10:00 horas e seguirá a clasificación da proba ás 15:00 horas. As semifinais están previstas para as 20:40 horas e a gran final, ás 23:15 horas.
Esta é a cuarta proba do circuíto nacional, con competicións en cidades como Madrid, Cáceres, Xaén, Albacete, Burgos ou Santiago de Compostela, e contará coa presenza do campión e do subcampión mundial, de nacionalidade francesa e coreana, respectivamente.
Máis información sobre a competición de drons podemos visitar a web www.gaelicgp.es.

PUBLICIDADE