A Local Creative Jam de Vedra premiou ás innovadoras do rural

martes, 24 de xuño do 2025 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organizou o pasado venres e sábado, 6 e 7 de xuño, a Local Creative Jam Vedra, unha xornada de innovación colaborativa que tivo lugar no Centro de Emprendemento “A Estación”, en Vedra, enmarcándose no proxecto europeo Atlantic InnoBlue Communities (ATLIC), cuxo obxectivo é activar novos modelos de desenvolvemento local a través da creatividade e a colaboración.
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organizou este evento no que os participantes tiveron a oportunidade de desenvolver cinco propostas creativas que daban resposta a retos vinculados ao desenvolvemento sostible, a economía azul e a posta en valor dos recursos fluviais e rurais.
A Local Creative Jam concluíu o pasado 7 de xuño, tras unha intensa xornada de innovación e colaboración, na que novos emprendedores, profesionais do deseño e veciñanza de Vedra traballaron en equipo para elaborar proxectos que achegasen solucións aos desafíos do territorio.
Ao longo do evento, as persoas participantes exploraron conceptos relacionados coa economía azul e o desenvolvemento local mediante diversas actividades formativas e dinámicas de creación.
Ademais, asistiron a obradoiros especializados como Unha ameaza chegada dun espazo exterior, impartido por Rubén Villasenín Iglesias, da Asociación Medioambiental AMABUL, ou Pon a Intelixencia Artificial a traballar no teu proxecto: ferramentas e usos reais, a cargo de Asier Epelde Piñeiro, que lles proporcionaron ferramentas e coñecementos para enriquecer as súas propostas.
Finalmente, os equipos presentaron os seus proxectos ante un xurado composto por Juan Manuel Cernadas Méndez, concelleiro de Deportes e Novas Tecnoloxías; Pablo López Pérez, dinamizador de equipos e transformación dixital en Implicatum; e Belén Mendoza, responsable de Proxectos Europeos na Cámara de Comercio.
O primeiro premio foi outorgado ao proxecto MAPA, centrado na recollida de especies invasoras do río Ulla e na extracción das súas fibras para a creación de materiais orgánicos aplicables á creación e ao deseño de xoguetes. A proposta busca reducir a produción de plásticos e residuos, contribuíndo á recuperación ambiental do ecosistema fluvial de Vedra.
O segundo premio recaeu no equipo CACTUS, que presentou unha innovadora solución de xeración de enerxía limpa a partir do movemento da auga e da luz solar. O sistema, inspirado na necesidade de buscar fontes alternativas tras o acontecemento da apagada, aproveita os recursos naturais do río para acumular enerxía, propoñendo un enfoque sostible e resiliente para o abastecemento enerxético en contornas rurais.
Os equipos galardoados recibiron diversos equipos electrónicos e terán a oportunidade de participar na vindeira International Creative Jam que se celebrará en Irlanda.
Esta acción forma parte da estratexia da Cámara de Compostela para potenciar o emprendemento no rural galego, promovendo a innovación a través da colaboración internacional no marco do proxecto ATLIC.
“A Local Creative Jam de Vedra puxo de manifesto o potencial transformador das comunidades locais cando se lles ofrecen espazos de experimentación e ferramentas para dar resposta aos desafíos do seu territorio”, engadiu a entidade cameral, salientando que “o éxito do encontro abre a porta a novas edicións noutros puntos do rural galego”.