A Maker Faire Ciencia premiou a estudantes e profesorado de Robótica do Campus Terra da USC

mércores, 3 de xullo do 2024 S. P.

No marco da xornada de emprendemento e innovación social Maker Faire Galicia, que tiña lugar a pasada fin de semana (29 de xuño) en Compostela, o espazo expositor co que o grao en Robótica do Campus de Lugo da USC amosaba os seus contidos acadaba o premio á mellor iniciativa de divulgación votada polo público asistente.
Segundo o profesor Enrique Comesaña, quen recolleu o galardón, o stand desta titulación do Campus Terra acolleu proxectos realizados polo propio alumnado do grao; maquetas que permiten simular, por exemplo, unha gorxa humana para que alumnado de Ciencias da saúde aprenda a realizar certo tipo de tratamentos nas cordas vogais; así como diversos robots comerciais empregados na docencia da titulación.
Cómpre sinalar que arredor de 300 persoas que se achegaron a Maker Faire Galicia puideron coñecer de primeira man este grao do Campus de Lugo que se imparte na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. O Campus Terra obtivo outro galardón en materia de divulgación, xa que o grupo de innovación docente XuvenCiencia recibiu o terceiro premio nesta modalidade.
En canto ao alumnado do grao en Robótica, dicir que tamén obtivo premio neste encontro. O proxecto Firewatcher de Tritontech, premiado co segundo galardón da categoría Maker dirixida a iniciativas innovadoras, consiste nun sistema avanzado para a detección temperá de incendios forestais mediante a sensorización de áreas amplas, empregando a tecnoloxía de comunicación LoRa IoT. Este sistema está deseñado para minimizar tempos de resposta e mellorar a precisión na detección de condicións de risco. Inclúe sensores de humidade, temperatura e CO₂, integrados con LoRa IoT para monitorizar vastas áreas forestais e detectar riscos antes de que se convertan en incendios activos. O proxecto, realizado polos estudantes de Robótica Manuel J. Causin, Jorge de la Fuente, Lois Nodar e Angel J. Suárez achega oportunidades de aprendizaxe en electrónica, programación e xestión de datos, contribuíndo á conservación do medio ambiente e a protección da vida e propiedades.

PUBLICIDADE