A Maker Faire Galicia arrinca a súa XI edición cunha xornada sobre emprendemento e innovación social
luns, 9 de xuño do 2025
A Maker Faire Galicia, evento compostelán centrado na vertente máis argalleira e participativa da tecnoloxía, celebrará a súa XI edición mantendo o formato que estreou o ano pasado, con tres xornadas temáticas en diferentes espazos da cidade. A primeira das citas será este sábado 14 de xuño, cun programa dedicado ao emprendemento e a innovación social que se celebrará en Área Central e que inclúe numerosas actividades para toda a familia.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou a XI Maker Faire Galicia nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia; Natalia Barros, directora da Oficina Económica de Galicia; e María Parga, responsable de comunicación da Maker Faire Galicia.
A tenenta de alcaldesa explicou que a Maker Faire mantén o formato estreado na pasada edición “con tres xornadas que ademais abordarán temáticas que son de moito interese para a concellaría de Promoción Económica: emprendemento e innovación social, industria e oficios”. María Rozas lembrou que o Concello mantivo o seu apoio a este evento desde a súa primeira edición, “que contribuíu promover o movemento maker en Santiago (o movemento que reivindica a creadora ou desenvolvedora tecnolóxica que levamos dentro), hoxe consolidado e mesmo cun pioneiro espazo municipal na Casa das Asociacións de Cornes”.
En representación da organización da Maker Faire, María Parga agradeceu o apoio de todas as administracións implicadas no evento, “que quere ser unha feira totalmente accesible, aberta ao coñecemento e que democratice o mundo maker”.
A primeira das xornadas da Maker Faire Galicia, o sábado, 14 está dirixida ao público xeral, con especial foco en familias, mocidade e colectivos con interese en transformar o mundo dende o local. Contará con charlas, obradoiros, espazos expositivos e máis de 45 proxectos creativos, tecnolóxicos e sociais. A xornada desenvolverase en Área Central desde as 10.00 ata as 20.00 horas.
No que ten que ver coas charlas, falarase de cuestións moi diversas como a inclusión laboral das persoas con diversidades; a utilización da IA a educación, o papel da muller na ciencia; as ferramentas inclusivas para o xogo de nenos e nenas neurodiverxentes ou a industria do videoxogo.
En canto aos obradoiros, haberá cinco zonas diferenciadas, con obradoiros sobre cianotipia, robótica con Lego, maxia e ilusionismo, ou realidade virtual con EVOA e Drone Soccer.
Na primeira xornada da Maker Faire Galicia poderanse descubrir tamén unha gran variedade de proxectos que unen tecnoloxía, creatividade, sustentabilidade e compromiso social, con presenza de centros como Vermislab; o IES Sánchez Cantón, o IES Maximino Romero; ou iniciativas como XuvenCiencia, Arkitas, Makergal 3D, Chafarís, Luxsit Technologia SL, LMT – Local Meeting Translate, Resib Labs, Neoonos, FAB LAB Barcelona ou Napalmadaman, abordando temáticas como a saúde, a IA, a robótica, o medio ambiente, a impresión 3D, a accesibilidade ou a educación creativa.
Como en edicións anteriores, haberá tamén un espazo de ludoteca con actividades para a cativada durante todo o día.
Vindeiras xornadas da Maker Faire
As seguintes xornadas da Maker Faire Galicia celebraranse na Casa das Máquinas. Serán o 31 de outubro, cunha sesión dedicada á industria e que pretende ser un encontro profesional con empresas, centros de coñecemento e startups; e o 21 de novembro, coa xornada de oficios e cultura maker, para poñer en valor os oficios tradicionais e a transmisión interxeracional de saberes, conectando coas novas xeracións.
Compromiso coa accesibilidade
A Maker Faire Galicia reafirma tamén nesta edición o seu compromiso coa accesibilidade. Por iso, todas as charlas contarán con intérprete de lingua de signos, e os carteis dos proxectos maker estarán adaptados en braille para garantir unha experiencia inclusiva para todas as persoas.
