A Maker Faire Galicia converterase este verán na cita argalleira máis importante da Península

mércores, 15 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Este verán Santiago vaise pór novamente no punto de mira da comunidade argalleira de todo o mundo. O motivo? A celebración dunha nova edición da Maker Faire Galicia, a feira de inventoras e inventores máis sobranceira da nosa terra e do ámbito estatal e, en palabras da organización (VermisProject), unha das cinco máis relevantes a nivel europeo. O evento terá lugar do 3 ao 7 de xullo na Cidade da Cultura de Galicia. A nova edición vén con dúas novidades: celebrarase a principios do verán e, debido ao éxito das anteriores, pasará de 3 a 5 días de duración, ampliando as xornadas profesionais de unha a tres xornadas.
Novamente, a feira será ante todo un espazo onde intercambiar coñecementos e darmos conta das vantaxes e beneficios de crear tecnoloxías abertas en comunidades. Será, tamén, un escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas, e abordarase o potencial da robótica o espírito maker para os ámbitos da gastronomía, a mecánica, a ciencia, a arte urbana, a música, a electrónica ou a artesanía.
Este ano o evento celebra a súa quinta edición buscando consolidarse como o máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes. Ao igual que na edición anterior, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acolle tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese.
Durante as pasadas edicións acudiron máis de 44.000 asistentes e ao redor de 750 argalleiros expuxeron os seus enxeños.
As tres xornadas enfocadas ao público profesional centraranse en temáticas consideradas “clave” para o futuro da industria e a innovación como: mobilidade, enerxía, Intelixencia Artificial, robótica, ciberseguridade, open data ou emprendemento. Ademais, a xornada do venres contará cun xurado especializado que outorgará premios aos proxectos mais innovadores presentados polos makers durante esa semana: 1000€, 500€ e 250€.
Entre os obxectivos principais da xuntanza figuran os seguintes: crear unha contorna idónea para realizar contactos profesionais de calidade, presentar proxectos que marquen un antes e un despois na liña do progreso tecnolóxico e ofrecer unha oportunidade para poñernos ao día no mundo da innovación na industria.
A fin de semana, o sábado 6 e o domingo 7 de xullo, abriranse as portas do Museo Gaiás para o público xeral, cunha programación para nenos, familias e maiores que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos entre outras moitas actividades programadas e que, en palabras da organización, “buscan sorprender aos visitantes”.
Para quen queira máis datos sobre a cita e xeitos de formar parte dela, dicirlle que xa está dispoñíbel na súa páxina web, galicia.makerfaire.com, o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral. O prazo remata o 31 de maio, e de tódalas propostas achegadas farase unha escolma final que se incluirá no programa de actividades e contidos desta edición de 2019. A innovación, a orixinalidade e a interactividade co público son os aspectos que máis se valorarán á hora de elixir os proxectos finais. Durante o evento, ademais, o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados. As categorías premiadas nas xornadas abertas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 14 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FP, etc.).

PUBLICIDADE