A Maker Faire Galicia presenta a súa 9ª edición con récord de proxectos, obradoiros e conferencias
mércores, 24 de maio do 2023
Do 1
ao 4 de xuño celebrarase no Museo do Gaiás a Maker
Faire Galicia, a cita de referencia para a comunidade maker
galega, estatal e internacional. Nesta ocasión, a organización
(Vermis Project co apoio de entidades como o Concello de Santiago ou
a Xunta) preparou unha programación que bate récords en proxectos,
obradoiros e conferencias.
En
total, máis de 70 proxectos e 300 makers, máis de 40
obradoiros e máis de 20 charlas, tanto en liña como presenciais,
formarán parte da axenda de actividades, “proporcionando
experiencias inesquecíbeis para toda a comunidade maker”,
sinalou a organización, engadindo que a feira contará con tres
tipos de sesións.
O
primeiro día, o 1 de xuño, estará dedicado á industria,
presentando charlas inspiradoras e coñecementos de expertos en
diferentes eidos. Dimitris Petrotos presentará o seu proxecto
Laddroller, centrado na mobilidade sen barreiras. A mesa
redonda Dilemas éticos na Intelixencia Artificial
contará coa participación de Amparo Alonso, Bárbara Román de
Nolegaltech e Ana Mª Alonso. Da innovación en biotecnoloxía tamén
se falará con Eldara Rodríguez Cobo, responsábel de innovación de
Nanogap, Alvaro Goyanes, director e co-fundador de FabRx, Patricia
Fraga María de DIH DATAlife e Julio Martínez Rumbo, responsábel de proxecto
do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga). No
eido da enerxía, David Buceta, CTO de NANOGAP, presentará Hysun, unha iniciativa que pretende revolucionar a xeración de hidróxeno
renovábel. Ademais, haberá un concurso de proxectos e un concerto
de plantas que promete ser espectacular.
O 2
de xuño a xornada estará centrada na educación, coa participación
de referentes destacados. O mozo maker Samu falará da arte
como forma de expresión e comunicación. Eva Cabanelas abordará a
importancia da divulgación científica. Esther e Diego, finalistas
do Stockholm Junior Water Prize (#SJWP) presentarán o seu
proxecto Nunca choveu que non escampara. Amais, contarase coa
experiencia de Pablo de Miguel Morales de Autofabricantes, Jorge
Sánchez López (Simón), enxeñeiro e co-director do Centro CeLeO,
Xoan España, director xeral e Transformación de Amicos e Pablo
Vilariño, instrutor de Tiflotecnoloxía e Braille da ONCE, moderados
pola xornalista Selina Otero, que guiará a conversa e facilitará o
intercambio de coñecementos sobre inclusión e accesibilidade na
comunidade argalleira.
Os
dous últimos días, o 3 e o 4 de xuño, estarán abertos a todos os
públicos. Durante estes días, os asistentes poderán explorar o
mundo dos brazos electrónicos, mergullarse nas páxinas da revista
AI-GEN, descubrir a fusión entre arte e tecnoloxía con Rubén
Ramos Balsa, afondar na domótica, interactuar co poderoso Chat GPT e
marabíllarse coa maxia da impresión 3D.
O
sábado día 3 dedicarase unha parte importante da xornada ao
emprendemento social, con destacados relatores que abordarán temas
fundamentais para promover o emprendemento con impacto social.
Destacarase a importancia da inclusión, a sustentabilidade e a
innovación neste ámbito. Dirixido por Víctor Grande, guionista e
presentador, o acto contará coa participación de Celso Gándara,
xerente de Algalia e presidente de Foroesgal; Covadonga Toca,
secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia; Margarita Ardao,
directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de
Galicia; Pablo de Miguel Morales, de Autofabricantes; Ana Olveira, de
Abeluria Coop; Lorena Quintás, de Xogo de Fíos e representantes de
destacadas organizacións como Grovemakers, Skeirrum, Ecos do Sur,
Despunte e Cogami-Galega Economía Social.
Tamén
durante a fin de semana destaca este ano o espazo dedicado aos
videoxogos e o Hackathon de Tecnoloxías de Apoio, onde os
participantes traballarán en equipo para buscar solucións aos retos
propostos por entidades como a ONCE, ASPACE Coruña ou COGAMI
Galicia.
A
asistencia ao evento é totalmente gratuíta, tanto en liña como nas
sesións presenciais de industria e educación, que se celebrarán as
mañás dos días 1 e 2 de xuño, respectivamente. As xornadas de
portas abertas dos días 3 e 4 de xuño terán un custo de 6€
presenciais, sendo gratuítas para menores de 6 e maiores de 65 anos.
A 9a
edición de Maker Faire Galicia celebrarase no Museo do Gaiás e
conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a
Fundación Cidade da Cultura, a Asociación para o Progreso da
Dirección (APD), o Círculo Financeiro de Galicia e o Club
Empresarial Nordés. Ademais, conta coa colaboración da Fundación
Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e
Innovación.