A Maker Faire Galicia vén cun completo e diverso programa de charlas e obradoiros

luns, 24 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Comeza o verán e a tecnoloxía non cesa, increméntase. Sobre todo, e está ben que así sexa, as vertentes máis construtivas, formativas, sustentábeis, solidarias e enriquecedoras da tecnoloxía. Todo isto estará representado os días 6 e 7 de xullo no evento Maker Faire Galicia, que se celebra na Cidade da Cultura da man (principalmente) de VermisProject. Hoxe puidemos coñecer unha chea de detalle sobre o programa de actividades. Será completo, diverso e para todas as idades.
Así, haberá charlas de diferentes temáticas, por exemplo a que dará Soledad Ayuso na que desbaratará o factor “idade” como un factor determinante para sermos argalleiras ou argalleiros dixitais (makers), pois ela mesma é un exemplo disto: con 75 é unha experta en impresión 3D.
Tamén participarán os mozos e mozas de UDC Big Bang que ofrecerán unha charla interactiva con motivo do 150 aniversario da orixe da táboa periódica. Amais, tamén se contará coa presenza activa de Compostela Tech, achegando interesantes charlas sobre a longa listaxe de enxeños tecnolóxicos que podemos facer coas nosas mans.
Entre as actividades que se poderán atopar o 6 e 7 de xullo atópase a Hebocon, unha competición de robots absurdos para a que non fai falta ter coñecementos previos de tecnoloxía, aberta a todas as idades e que este ano aspira a converterse “na máis grande de España”, en palabras da organización. Tamén haberá unha exhibición e un espazo interactivo de drons onde se poderán ver e pilotar estes dispositivos, ou un recanto para a creación de “auténticas galiñas robóticas, ou pitabots”, coas que poderán participar en concursos e espectáculos ao longo da fin de semana.
En canto a expositores este ano repite Bruno Moya, finalista na pasada edición, que virá para presentar a evolución do seu proxecto Glassear. Por outra banda o equipo As Acacias Bot, composto por 10 alumnas de ESO, que conseguiron o terceiro premio na Final Internacional First Lego Plan Ceibal, acudirán para debullar o seu proxecto.
O programa complétase con obradoiros para a rapazada e para nais e pais. Un deles é o desenvolvido por Guille Martínez, que consistirá na realización de próteses en impresión 3D para envialas posteriormente á xente que as necesite, como fai co seu proxecto Axúdame 3D.
Aprender sobre Arduino, realizar actividades de artesanía ou crear experimentos científicos son outras das actividades propostas. A entrada é gratuíta para menores de 14 e maiores de 65 anos, para os demais terá un custo de 5 euros para os dous días que dura o evento.

PUBLICIDADE