A Materioteca de Galicia pechou o ano cun obradoiro sobre minería urbana para makers

xoves, 28 de decembro do 2023 S. P.

A Materioteca de Galicia, espazo de traballo da Xunta na sede do CIS Tecnoloxía e Deseño cuxo principal obxectivo é dinamizar a implatación dos materiais innovadores nas empresas galegas a través do deseño, acolleu o pasado 15 de decembro, a celebración do evento titulado Minería urbana para makers, actividade coa que pechou o ano. Este obradoiro estivo centrado na presentación da problemática derivada da actual escaseza de materias primas e na necesidade de recuperar e reutilizar os residuos procedentes de aparellos eléctricos e electrónicos, denominados RAEE.
En concreto, presentáronse varios exemplos de proxectos de recuperación de máquinas arcade, fabricación de impresoras 3D e máquinas de gravado láser a partir de compoñentes recuperados de equipos refugados.
O público asistente puido gozar de diversas presentacións sobre a problemáticas dos minerais estratéxicos e un interesante debate sobre “o papel do movemento maker na minería urbana” no que participaron recoñecidos profesionais como o consultor en sustentabilidade e especialista en RAEE Alejo Calatayud, Aitor Puente en representación da Cámara Mineira de Galicia e membros do colectivo maker como Lucas Ayude (socio fundador de Ilectrosat) e Roberto Benavides (director executivo de Power Up e membro de Retrogalaicos). O debate foi dirixido por Leticia Costas (divulgadora científica e directora executiva de Kidcode).

PUBLICIDADE