A Memoria Dixital de Galicia amósase ao mundo a través de Galiciana.gal
luns, 11 de decembro do 2017
Galiciana.gal, a porta
de acceso á plataforma da Memoria Dixital de Galicia, inicia a súa andaina
con máis de 300.000 obxectos dixitalizados de 9 coleccións procedentes de
fondos xestionados pola Xunta (como os da Biblioteca Dixital de Galicia e os do
Arquivo Patrimonial de Galicia) e doutras entidades como as universidades de
Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, da Real Academia Galega e do Instituto
de Estudos Padre Sarmiento.
A nova versión do portal Galiciana irá
incrementando os seus contidos a media que se desenvolvan as actuacións
previstas na Memoria Dixital de Galicia, unha iniciativa para crear un novo
modelo de xestión e conservación do patrimonio cultural galego baseado nas TIC
para asegurar a súa conservación, a súa difusión e a súa accesibilidade desde
calquera lugar do mundo.
Esta estratexia impulsada desde o ámbito público, a través
da ConsellerÃa de Cultura, Educación Ordenación Universitaria e a AMTEGA, en
colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión
do patrimonio cultural galego.
A Memoria Dixital de Galicia aséntase en varias medidas, xa
en marcha, vinculadas á dixitalización e difusión do patrimonio cultural galego
como a posta en funcionamento o pasado ano do Arquivo Electrónico Patrimonial;
a Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana; o proxecto transfronteirizo Geoarpad, que permitirá xeolocalizar o
patrimonio material e inmaterial de Galicia e o norte de Portugal; ou a
dixitalización de preto de 370.000 imaxes e documentos do catastro do Marqués
da Ensenada e do diario El Pueblo Gallego.