A Mesa, AGPTI e ADA reclaman a TVE que dobre ou subtitule en galego con servizos de calidade

venres, 20 de febreiro do 2026 S. P.

A Mesa e outras entidades como AGPTI e ADA veñen de emitir un comunicado no que reclaman á compañía pública estatal RTVE que “cumpra coa lexislación” e dobre os subtítulos en galego achegados nos seus contidos “con servizos profesionais e de calidade”. Recoñecen que RTVE emite contidos audiovisuais en galego pero critican que o faga “moi lentamente” e “empregando intelixencia artificial xenerativa nos subtítulos”, o que, advirten, “elimina a calidade e reduce gravemente as posibilidades de uso por parte da poboación galegofalante”.
A Mesa pola Normalización Lingüística recorda que o ente público aínda non dispón da porcentaxe mínima de contidos dobrados e subtitulados ao galego ao que está obrigado (2,5% en TV e RTVE Play e 100% en Clan TVE) e cualifica de "bochornoso" que o primeiro paso que dean, dous anos despois da aprobación da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual que obriga a RTVE a emitir en galego, sexa empregando IA, "eliminando a calidade sobre unha cantidade onde o galego está completamente ausente".
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembra que, a pesar de ser unha canle pública con maiores obrigas legais respecto ao uso do galego e pagada tamén por galegas e galegos, TVE é neste momento a que menos porcentaxe de oferta en galego presenta, moi por baixo do 0,92% do conxunto de plataformas.
Para a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), a substitución do traballo humano e profesional por IA xenerativa “prexudica a calidade final dos contidos, ao tempo que afonda na precarización dun sector cada día máis atacado polo uso non ético de ferramentas asistidas por IA, que violan os dereitos de autor e de propiedade intelectual na súa propia concepción”.
Tanto AGPTI como o sindicato Actores e Actrices da Dobraxe Asociados (ADA) recordan “que as características propias do audiovisual imposibilitan a súa tradución con ferramentas de Intelixencia Artificial, pois estas non teñen en conta elementos esenciais distintos ao texto (imaxe, sons, contextos culturais, requerimentos específicos para persoas con necesidades auditivas especiais etc)”. Engaden que “só o traballo profesional de tradución e interpretación garante un resultado final de calidade que respecte tanto o contido orixinal como o dereito do público a gozar destes contidos en condicións óptimas”.
ADA considera tamén que “a utilización da intelixencia artificial para tratar de dar cumprimento a esta normativa no só desconsidera o labor de todos os traballadores do sector”, supón que tamén "vai en contra do espírito da lei, ao constituír máis un freo que un impulso para a lingua galega".