A Mesa aposta por tirar proveito das posibilidades da TDT para incrementar a presenza de contidos infantís en galego

martes, 20 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou hoxe en Santiago un preocupante informe sobre a oferta de programación infantil na TV e o limitada que esta resulta (só unhas horas ao día) en comparación co que se achega en castelán (as 24 horas do día e con dispoñibilidade de ver varias canles, entre elas Clan TV). O informe Situación da lingua galega na programación televisiva infantil foi elaborado polo Observatorio de Dereitos Lingüísticos e nel ponse de manifesto que non só hai unha escasa oferta para a nenez de contidos en galego na TDT (unha porcentaxe de 4,6% sobre a grella diaria, que baixa ao 2,7% a fin de semana), senón que, cada pouco, a oferta de contidos diminúe. E todo isto, sinala A Mesa, “malia as posibilidades técnicas da Televisión Dixital Terrestre” e malia o establecido “na lexislación estatal e autonómica sobre o audiovisual”. Segundo a plataforma polo galego, a TDT podería ser un importante revulsivo para a nosa lingua.
No informe a plataforma tamén denuncia que o proceso de exclusión no audiovisual atinxe tamén á continuidade de produtos que xa contan con dobraxe ao galego. Na investigación, máis polo miúdo, alértase de que o galego xa non é unha opción en series e deseños animados con contidos infantís que gozaron de éxito na TVG na súa comercialización en DVD ou aplicación móbil, “desprezándose traballos de dobraxe xa elaborados e financiados con diñeiro público”. A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos , Elsa Quintas, asegurou que “é lamentábel que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza, aos que non se lle dá continuidade en galego no mercado cos seus produtos derivados”.
Na presentación do estudo, o presidente da Mesa, Marcos Maceiras denunciou que “a presenza do galego na grella televisiva é moi inferior hoxe que hai 20 anos”. Maceiras tamén puxo enriba da mesma sete medidas para comezar a corrixir a devandita situación. Entre estas medidas, atópase, como era de agardar, unha reactivación da grella da Televisión de Galicia, que “debe aumentar a oferta en galego destinada á nenez e á mocidade nas televisións públicas, incluída a creación dunha terceira canle exclusiva para programación infantil”. Por outra banda, tamén hai unha chamada de atención para a TVE, que, en opinión da Mesa, “debe garantir a opción de dobraxe ao galego na programación infantil e xuvenil da canle específica da emisora pública estatal”. Entre as ditas medidas tamén se inclúe un meirande compromiso por parte do Goberno galego e un maior aproveitamento das posibilidades técnicas da TDT. “Cómpre activar as licenzas galegas de TDT existentes e crear outras novas como maneira de garantir a presenza da lingua galega e de contidos de produción galega con especial atención ao público infantil e xuvenil”, sinalaron os responsábeis da plataforma a prol da nosa lingua, engadindo que outra medida importante a tomar sería “garantir unha oferta mínima de DVD e outro material audiovisual en galego ou con opcións de lexendas (subtítulos) no noso idioma”.

PUBLICIDADE