A Mesa convoca aos internautas para pórlle fin á discriminación ao galego das operadoras

luns, 14 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, nunha foto recente de A Nosa TerraEn materia de servizos de telefonía e atención de cliente, alén da operadora R (única excepción), o galego brilla pola súa ausencia. De feito, nin sequera Movistar (que por ser filla do operador estatal dominante debería ter máis compromiso e responsabilidade) se decide a garantilo. O caso recente de Vodafone e o servizo DictaSMS vai tamén nesta liña de desleixo cara o respecto polas linguas cooficiais do Estado no que a fin de contas a firma desenvolve a súa actividade comercial. Para A Mesa, xa vai sendo hora de que pechemos fileiras para solucionar esta cuestión, xa que está claro que moi pouco imos conseguir se agardamos a que as operadoras caian na conta da importancia de comunicarse na lingua que prefire cada cliente.
Con este fin, e co obxectivo de que non se dean máis casos de discriminación de tipo lingüístico no eido das empresas de telefonía, a Mesa convida aos usuarios dos seus servizos en liña a facela partífice de todo canto caso de desleixo co galego se poida rexistrar. Máis polo miúdo, de casos de discriminación no ámbito dos servizos de atención de consultas postos en marcha polas ditas operadoras para atender, polo menos no plano teórico, á súa clientela.
Malia seren empresas privadas”, informa a Mesa “o seu compromiso contractual coas usuarias e usuarios pasa por ofertaren un servizo de calidade; compromiso que incumpren cando, para alén de non ofreceren o seu servizo en galego, tentan mesmo impedir o dereito de usarmos a nosa lingua propia”. Por este motivo, en caso de termos experimentando algún tipo de rexeitamento co galego nos devanditos servizos, cómpre que llo amosemos á comunidade internauta a través da seguinte conta de correo: amesa@amesanl.org.

PUBLICIDADE