A Mesa denuncia que a Consellería de Educación conciencia sobre o uso do móbil nos IES en castelán

luns, 10 de novembro do 2025 S. P.

A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, trasladou ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, as queixas recibidas pola Mesa pola Normalización Lingüística, a través da aplicación Liña do Galego e do propio Observatorio, respecto dunha exposición que o Goberno galego levou cando menos ao IES Xelmírez 2 de Compostela para concienciar sobre o uso do móbil, co logotipo da Xunta de Galicia e os contidos en castelán.
Quintas solicítalle a Rodríguez "que tome as medidas necesarias para corrixir esta situación e evitar que se repita no futuro" e recórdalle que o Estatuto de Autonomía dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego” e que “os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa”.
Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos galegos a “promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns”.