A Mesa do Audiovisual Galego reclama máis presenza da nosa lingua nas plataformas
luns, 11 de novembro do 2024
- Pablo Fontenla (CREA), Alfonso Blanco Fosco (Cluster), Uxía Caride (AGAPI), Álvaro Pérez e Sonia Méndez (Academia Galega do Audiovisual), Ángela Andrada e Marcos Nine (AGAG) e Xosé Barato (AAAG)
As asociacións que integran a Mesa do Audiovisual Galego reuníronse o pasado 7 de novembro no marco do Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), que dedicou a súa segunda edición á intersección entre a diversidade lingüística e o medio audiovisual. En base ás conclusións expostas na xuntanza a Mesa deu forma a un comunicado na que expón a súa posición sobre o estado actual da lingua galega na creación, produción, distribución e exhibición de contidos audiovisuais, que, segundo adiantan, trátase dunha “situación preocupante”.
Ao devandito, sinalan, súmanse os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística sobre o coñecemento e uso do galego en 2023, que amosaban hai uns días un alarmante retroceso no uso e mesmo no coñecemento da nosa lingua (só o 24% dos residentes na comunidade falan sempre en galego), información á que se engade o retroceso de falantes en galego entre a poboación infantil e na mocidade (só un 7%).
Por estas e outras razóns, sinalan, “cremos que é indispensábel que, dende as diferentes administracións, se actúe ante esta situación e se fomente a produción televisiva e cinematográfica en galego, dirixida especificamente a estes grupos de idade”.
E engaden: “O audiovisual é unha ferramenta fundamental para a difusión do idioma entre a sociedade, pola súa capacidade de chegar a públicos amplos e diversos en todo tipo de contextos e a través de multitude de formatos”. Deste xeito na Mesa consideran necesario que “desde todos os ámbitos da industria audiovisual, tomemos conciencia do importante papel que podemos xogar para garantir un mellor futuro para o noso idioma, e adquiramos así o maior nivel de compromiso para o incremento da creación, produción, distribución e exhibición de contidos audiovisuais en lingua galega”. Ao mesmo tempo, instan ás administracións públicas a que, nos seus ámbitos, adopten diferentes medidas para o fomento da presenza do galego no audiovisual, aproveitando as posibilidades que ofrecen a lexislación europea e estatal á hora de fixar cotas que garantan o dereito da cidadanía a consumir contidos na nosa lingua.
En relación ao Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital, a Mesa reclama á Xunta de Galicia prestar especial atención ao cumprimento da misión que, ao respecto da lingua, ten encomendada a CRTVG e que reflicten os seus estatutos.
Asi mesmo, chama a atención sobre “o papel que debe asumir RTVE para garantir a presenza do galego en todas as súas canles” e anima a que desde as diferentes administracións públicas “se intensifiquen as medidas para a difusión de contidos educativos en lingua galega e á alfabetización dixital no noso idioma”.
E engaden: “Desde a Mesa reafirmamos o noso compromiso para participar no deseño de estratexias e mecanismos que favorezan o futuro da lingua galega”.
A Mesa do Audiovisual Galego está integrada por: Academia Galega do Audiovisual – AGA, Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG, Asociación Galega de Produtoras Independentes – AGAPI, Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización – CREA, Asociación Sindical Galega de Guionistas – AGAG, Cluster Audiovisual Galego – CLAG e Coordinadora Galega de Festivais de Cinema – PROXECTA.