A Mesa pon na Rede un extenso catálogo con propostas de agasallos de Nadal en galego
xoves, 24 de novembro do 2022
A
Mesa pola Normalización da Lingüística distribuirá de xeito
gratuíto esta fin de semana no salón Culturgal,
en Pontevedra, un extenso catálogo con centos de propostas de
compras e agasallos de Nadal. "Consideramos importante recoñecer
as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito
socioeconómico", afirma o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e
recorda que “coa decisión de facermos presentes en galego como
consumidoras e consumidores estamos a pór en valor a nosa lingua, a
nosa cultura e tamén a nosa economía”. O
catálogo pódese consultar e descargar na Rede.
A
escolma forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o
compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios,
asociacións e entidades de toda índole.
"Todas
as decisións que tomamos como consumidores e consumidoras teñen
implicacións", afirma Maceira, "non ten as mesmas
repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur
fabricado en Francia que en Galiza, do mesmo xeito que non é o mesmo
ter contratada unha empresa de telefonía que emprega persoas que
poden atender a clientela en galego ou unha que non dá o seu servizo
na nosa lingua".