A Mi Store Marineda celebrará obradoiros formativos en outubro

martes, 25 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que a apertura da primeira tenda oficial de Xiaomi en Galicia parecía que ía limitarse a un punto de venda máis, pero a Mi Store Marineda non só servirá para achegar produtos do fabricante chinés aos galegos, senón que tamén facilitarán a formación nos seus produtos, polo que veñen de anunciar os obradoiros que teñen organizados para o mes de outubro.
O 10 de outubro en dúas quendas (ás 11:00 e ás 19:00 horas) desenvolverán obradoiros sobre fotografía móbil, no que instruirán sobre conceptos básicos (que é a apertura, o tamaño do píxeles, os megapíxeles...), afondarán nos distintos modos e posibilidades da aplicación de cámara de Xiaomi e instruirán sobre como encadrar unha fotografía, buscar un bo ángulo...
O 17 de outubro, tamén en dúas quendas ás 11:00 e ás 19:00 horas, terán obradoiros centrados nas facilidades que Xiaomi achega para levar unha vida saudable, comezando por cuantificar e levar un rexistro dos aspectos máis importantes do día a día. Instruirán sobre como levar un rexistro da calidade e as horas de sono, determinar o estilo de vida que se leva, medir a actividade deportiva e realizar un seguimento do peso, o índice de masa muscular...
Coa mesma estrutura o 24 de outubro terán obradoiros centrados en MIUI, a versión de Android personalizada por Xiaomi para achegar unha boa experiencia de usuario, dando conta de detalles da mesma como a súa configuración inicial, a súa personalización, as súas ferramentas exclusivas e tamén como tirar proveito ás contas de usuario Mi e de Mi Cloud.
Para quen é máis partidario dunha experiencia de Android máis pura, o día 31 terán obradoiros sobre Android One, sistema operativo que empregan o Mi A1, o Mi A2 e o Mi A2 Lite. Detallaranse as vantaxes de Android One, as súas ferramentas exclusivas, as bondades do asistente de Google e incluso introducirán na súa configuración inicial e nas súas actualizacións.
Todos estes obradoiros teñen unha duración de entre 20 e 30 minutos, nos que esperan que os usuarios poidan facer consultas e resolver dúbidas, e para os que é preciso inscribirse previamente por correo electrónico.

PUBLICIDADE