A Microsoft University Tour chega a Santiago este xoves 15

mércores, 14 de marzo do 2007 Raquel Noya

A Escola Técnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Sur) acollerá este xoves 15 de marzo unha nova edición do programa Microsoft University Tour, que consiste nunha serie de sesións técnicas sobre tecnoloxía de desenvolvemento destinadas a estudantes e mestres universitarios, que vai pola celebración da súa quinta edición en España. Dende a súa posta en funcionamento, estas xornadas académicas reuniron a máis de 23.000 alumnos en todo o estado español e, ó longo do presente curso 2006-2007, a xira de Microsoft (que conta nesta ocasión cun orzamento de 120.000 euros) fará 34 novas paradas en distintas universidades.
A presente edición do tour centrará os seus contidos en temas actuais dentro do eido da informática, valéndose para iso de sesións prácticas, demostracións, charlas e traballos de deseño das aplicacións comentadas.
Ademais, este ano tampouco faltará a Imagine Cup, a competición internacional de Microsoft para estudantes universitarios que premia ós proxectos tecnolóxicos máis orixinais e que sempre é un dos temas clave no desenvolvemento das sesións.
Os asistentes ás xornadas coñecerán de preto as técnicas e trucos que lles permitirán mellorar os proxectos que presenten na cuarta edición do concurso en España.

PUBLICIDADE