A Mostra de Curtas Vila de Noia porá o foco nos novos formatos e ferramentas

venres, 31 de outubro do 2025 S. P.

Noia volverá acender as luces do seu cinema do 12 ao 22 de novembro coa celebración da XXVI Mostra de Curtas Vila de Noia, unha cita que medrou co tempo ata converterse nun referente nacional e internacional, e que, segundo informou o Concello, “regresa este ano con máis forza ca nunca, cun programa cheo de emoción, aprendizaxe e encontro entre xeracións”.
A axenda foi presentada este venres 31 de outubro de 2025, nunha rolda de prensa celebrada na Casa do Concello de Noia, coa presenza do alcalde Francisco Pérez, o tenente de alcalde Manolo Seijas e a concelleira de Cultura, Chelo Martínez. Durante o acto, destacouse o compromiso do Concello coa cultura e co audiovisual galego, así como “o valor da Mostra como espazo de encontro entre creador@s, profesionais e público”.
Sinalaron que “hai xa máis dun cuarto de século que a Mostra abriu por primeira vez as súas portas para levar o cinema á vila, e dende entón non deixou de facelo medrando, adaptándose e inspirando a milleiros de espectadores”.
Este 2025, engadiron, “promete ser unha edición especialmente viva, pois máis de 3.000 nenos e nenas de Noia e da súa comarca pasarán polo Coliseo Noela nas proxeccións do Curtacativa, unha das actividades máis queridas e agardadas, onde o cinema convértese nunha ferramenta educativa e emocional”.
A Mostra, que sempre se caracterizou por tender pontes entre o talento novo e os profesionais consolidados, reforza este ano o seu programa Arredor das Curtas, un espazo de aprendizaxe e encontro que se desenvolverá entre o 14 e o 16 de novembro no Edificio do Casino e na Cafetería Sociedade Liceo. Por alí pasarán voces destacadas como Juantxu Álvarez, director executivo (CEO) de Gossua Producciones e experto en Intelixencia Artificial, que ofrecerá dúas sesións sobre a IA no audiovisual, explorando as fronteiras entre a tecnoloxía e a creación. Tamén estará Álex Agüera, director do último videoclip de Estopa, quen achegará a música ao cine cun obradoiro práctico sobre como crear un contido musical.
Ademais, Festhome, a maior plataforma europea de distribución de curtas, compartirá escenario con Sonia Bautista de Nuevos Realizadores e Fernando Patín, distribuidor independente brasileiro, achegando ao público consellos e estratexias sobre distribución internacional.
Arredor das Curtas será tamén un punto de encontro real, con espazos de networking, pitching e conversas onde produtoras, creadoras/es e estudantes compartirán ideas e proxectos.
No corazón da programación volve tamén Cousas de Aquí, unha sección que “emociona por falar dende a proximidade, dende o que somos”, sinalaron dende o Concello, engadindo que o mércores 19, o Coliseo Noela acollerá a proxección de Serafín El Castañero, de Nacho Carnota e Jorge García; Strobo, documental realizado polo Colexio da Peña; a intervención de Mercedes Silva “Totakeki”, influente e voz contemporánea da vila; e Este sol non é coma ningún, de César Souto e Luis Avilés.
O sábado 15 chegará un dos momentos máis agardados desta nova edición: a estrea de Rondallas, producida por Bambú Producciones, coa presenza do seu elenco e equipo técnico: unha estrea que “une a profesionalidade das grandes produtoras coa calidez dunha vila que vive o cinema como algo propio”, explicou o Concello.
E, como cada ano, o público poderá gozar das sesións da Sección Oficial, que reunirán as mellores curtas desta edición competindo polo gran premio da Mostra. Tamén haberá espazos para descubrir libros, proxectos e escenarios: o domingo 16 celebrarase Noia Plató Natural, un percorrido polos lugares da vila que se converteron en set de rodaxe, e presentarase a obra literaria de Álex Agüera, Cine desde Cero e Mi primer cortometraje, dúas guías para seguir alimentando o espírito creador.
A edición completarase coa premier do documental Sólo pienso en ti, de Víctor Manuel, o xoves 20, coa participación dos seus directores, produtores e actores, antes de chegar ao sábado 22, cando a gala de clausura devolverá ao Coliseo Noela toda a emoción acumulada.
“Será unha noite de homenaxes, premios e lembranzas, un broche de ouro que celebra 26 anos de historias feitas imaxe, 26 anos de ilusións compartidas entre unha vila e o seu público”, sinalou o alcalde de Noia, Francisco Pérez, destacando que “a Mostra de Curtas é moito máis que un festival; é un sentimento que se renova cada novembro, unha fiestra aberta ao mundo dende o corazón dunha vila que aprendeu a falar en fotogramas. O tempo pasará, mudarán as tecnoloxías e as xeracións, pero en Noia seguirá viva a paixón por contar, por mirar e por vivir o cinema”.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Manolo Seijas, subliñou que “estes 26 anos de historia demostran que cando unha comunidade cre na cultura, pode converter un proxecto local nun referente internacional. A Mostra é un orgullo para Noia e un exemplo de como o audiovisual galego pode seguir medrando con talento, esforzo e ilusión”.