A Mostra de Encaixe de Camariñas acolle un novo encontro blogueiro

martes, 22 de marzo do 2016 Redacción

Mañá comeza na vila de Camariñas a edición número 26 da súa Mostra de Encaixe e, como en anteriores entregas, haberá unha vertente adicada a ese espazo onde se mesturan a moda, o téxtil e as tendencias ca comunicación dixital. Deste xeito, e á maneira dunha actividade complementaria, celebrarase no segundo día de actividades (o xoves 24) un encontro blogueiro no que xa confirmaron a súa participación oito comunicadoras web centradas no eido da moda. Serán cinco mozas e tres mozos e as súas intervencións darán comezo arredor das 14 horas no recinto feiral.
Segundo a organización (o Concello de Camariñas), trátase de blogueiras que, a través dos seus respectivos cadernos, son unha “referencia” dentro da comunicación de tendencias. As participantes son Yolanda Álvarez, creadora de Nosinmiyoli.com; Fátima García, responsábel de Fashionomy.com; Ra Dosil, de Mysweetpeque.com; Raquel Gamallo, de Mividaentretelas.com; Rubén Alexandre, de Surviveinvogue.com; Andy González, de Yourfashionmoment.com; Diego Moledo, de Dmrvstyle.com e Nerea Calvo, de Misseverydaybyneriblog.com.
A edición 2016 da Mostra de Encaixe celébrase entre o 23 e o 27 de marzo e contará cun total de 52 puntos de exhibición. O obxectivo fundamental: amosar e impulsar o labor que despregan cada ano, no mundo téxtil e botando man das técnicas tradicionais da Costa da Morte, máis dun milleiro de mulleres.

PUBLICIDADE