A Navalla Suíza contribúe á comunidade con dous proxectos de software libre

martes, 28 de abril do 2009 Marcus Fernández

A Navalla Suíza, empresa galega responsable do desenvolvemento de páxinas web coma QuinTV ou Flocos, baixo o lema de Investigamos + Desenvolvemos + Compartimos está a distribuír parte do código dos seus proxectos de xeito aberto, para que calquera poida descargalo e utilizalo para as súas propias aplicacións web, o que é unha interesante achega ao código aberto.
Os primeiros proxectos en publicarse dentro desta iniciativa son o framework de CSS coñecido coma cSans (que facilita a creación de follas de estilo para todos os navegadores web coñecidos, facendo doada a maquetación web en base a unha grella) e phpCan, framework escrito en PHP 5 que facilita a construción de páxinas web mediante unha estrutura ordenada baseada no sistema MVC (Modelo, Vista, Controlador) e que tamén contén un xestor de contidos autoxerado e pode dividir a web en escenas.
Estes proxectos aínda están nunha fase de maduración, e nos vindeiros meses veremos como non só evolucionan estes códigos, senón como tamén vaise enriquecendo a súa documentación e os seus titoriais, que incluso chegarán a xeito de screencasts (vídeos nos que se fan explicacións paso a paso para instruír sobre o manexo destas novas solucións).

PUBLICIDADE