A Nintendo 3DS podería vender 8 millóns de unidades en EE.UU. e Europa durante o seu primeiro ano

mércores, 23 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

A pouco máis dun mes para que a Nintendo 3DS chegue ao mercado español, moitas son as informacións que están a publicarse sobre o previsible novo éxito de Nintendo, e mentres a compañía nipona asegura que vai colocar 4 millóns de unidades no primeiro mes á venda, o analista Mike Hickey (de Janco Partners) atrévese a estimar que Nintendo superará os 8 millóns de consolas vendidas en occidente durante o seu primeiro ano á venda.
Aínda que tal volume de consolas pareza esaxerado, se temos en conta que actualmente hai preto de 150 millóns de Nintendo DS, podemos entender que o teito das consolas portátiles está moi alto, superando por moito ás súas contrapartidas domésticas (a Wii estaría preto dos 85 millóns de unidades, sendo a consola doméstica de maior éxito na actualidade). Tamén pode resultar decisiva a expectación creada polo feito de que a 3DS conta cunha pantalla autoestereoscópica, o que é toda unha novidade que pode valerlle moita atención do público.
O catálogo inicial de xogos para a Nintendo 3DS tampouco parece ser manco, e a coñecida revista nipona Famitsu xa valorou os primeiros títulos de 3DS, chegando a dar un elevado 38 sobre 40 ao xogo Nintendogs + Cats, seguido en valoración polos 34 puntos acadados por Super Street Fighter IV 3D Edition e Samurai Warriors Chronicles e os 32 puntos de Winning Eleven 3D Soccer (Pro Evolution Soccer en Europa), Ridge Racer 3D, Super Monkey Ball 3D e Professor Layton and the Miracle Mask. Un bo comezo no que non faltan algúns xogos mediocres como Puzzle Bobble 3D (cun 24 sobre 40) poden atopar un público que os recibirá cos brazos abertos.

PUBLICIDADE