A Nintendo Switch arrasa en vendas durante o Black Friday

luns, 7 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Aínda que no sector dos videoxogos as novas consolas Xbox e PlayStation acaparan os titulares, por estar a estrear xeración, é indiscutible que a consola que trunfará no Nadal será a Nintendo Switch, en boa medida porque será a única que poderá atoparse nas tendas. Pero tampouco hai dúbidas sobre o feito de que Nintendo atinou completamente coa súa consolas de videoxogos, que conseguiu facerse un oco no mercado con independencia das xeracións de consolas e dos grandes gráficos, non quedando só aí, senón que nos últimos dous anos a Switch foi a consola máis vendida e a consultora GfK vén de pór en cifras este éxito, sinalando que entre o seu lanzamento o 3 de marzo de 2017 e a fin de semana do Black Friday a Nintendo Switch vendeu 1.570.000 consolas en España.
Durante as vendas do Black Friday os distintos modelos de Nintendo Switch acapararon o 72% das vendas de consolas, e entre os 10 xogos máis vendidos en España ao longo de 2020 eran de Nintendo 6, deixando moi claro o poderío da compañía nipoa.
A nivel mundial a Nintendo Switch anda preto dos 70 millóns de unidades vendidas, moi por diante dos preto de 49 millóns de unidades da Xbox One, e aínda lonxe dos 114 millóns de unidades da PlayStation 4 (consola á venda dende 2013, polo que proporcionalmente vendeu bastante menos que a de Nintendo). Estes datos son moi reveladores, xa que confirman que aínda hai mercado para as consolas de videoxogos, pese a que moitos agoiraran a súa desaparición coa emerxencia dos smartphones e as tabletas.

PUBLICIDADE