A Nintendo Switch convértese na segunda consola máis vendida da historia
martes, 3 de febreiro do 2026

- Os últimos datos oficiais de número de consolas vendidas sitúan a Nintendo Switch por diante da Nintendo DS
Na presentación de resultados de Nintendo de hai 3 anos celebraron que a Nintendo Switch superou en vendas á Wii, converténdose na terceira consola máis vendida da historia, e agora repítese a historia coa presentación do último informe financeiro da compañía nipoa, que confirma que a Nintendo Switch é oficialmente a consola máis vendida de toda a historia de Nintendo.
Os datos recollidos no último informe financeiro de Nintendo, a Switch superou a finais de 2025 o récord que durante máis dunha década mantivo a Nintendo DS, ao acadar 155,37 millóns de unidades vendidas desde o seu lanzamento en 2017, fronte aos 154,02 millóns da portátil comercializada entre 2004 e 2011.
O fito produciuse tras unha campaña de Nadal especialmente forte, nun contexto no que Nintendo xa puxera o foco estratéxico na súa nova xeración de hardware. A pesar diso, a Switch segue a manter un ritmo de vendas notable grazas ao seu prezo máis accesible e a unha base de usuarios moi ampla. Só no terceiro trimestre do exercicio fiscal 2026, correspondente aos meses de outubro a decembro, a consola orixinal sumou 1,36 millóns de unidades adicionais.
Nintendo xa anticipara meses atrás que a Switch estaba a piques de superar a DS e que este sorpasso era probable tras a campaña de Nadal, mesmo coa chegada ao mercado da Switch 2. A compañía reiterou entón a súa intención de seguir comercializando o modelo orixinal “mentres a demanda dos consumidores e o contexto empresarial o permitan”.
Co novo récord, a Switch queda agora a 4,63 millóns de unidades de alcanzar á PlayStation 2, a consola máis vendida de todos os tempos, que superou os 160 millóns ao longo dos seus trece anos de vida comercial. Para lograr ese obxectivo, Nintendo terá que manter a produción e as vendas da Switch durante, polo menos, un par de anos máis.
Mentres tanto, a Switch 2 está a demostrar un lanzamento especialmente sólido. Durante o último trimestre de 2025 vendeu 7,01 millóns de unidades, fronte aos 4,54 millóns do trimestre anterior, e xa acumula 17,37 millóns desde a súa chegada ao mercado en xuño. Este ritmo convértea na plataforma dedicada de Nintendo cun arranque máis rápido da súa historia e permítelle superar en menos dun ano as vendas totais da Wii U.
En xogos tamén están a rexistrar grandes resultados. Mario Kart World acadou os 14 millóns de copias vendidas e Donkey Kong Bananza superou os 4,25 millóns desde o lanzamento da Switch 2. En conxunto, Nintendo rexistrou uns ingresos de 803,32 mil millóns de iens no terceiro trimestre, o que supón un incremento interanual do 86 %, cun beneficio neto de 159,93 mil millóns, un 20 % máis ca no mesmo período do ano anterior. No acumulado dos nove primeiros meses do exercicio fiscal 2026, o beneficio neto medrou un 51 % ata os 358,86 mil millóns de iens, mentres que as vendas case se duplicaron.
De cara aos vindeiros meses, a continuidade desta tendencia dependerá en boa medida do catálogo de lanzamentos. Entre os títulos chamados a impulsar as vendas destacan Mario Tennis Fever, previsto para o 12 de febreiro, e Pokemon Pokopia, que chegará ao mercado en marzo. Nintendo mantén, por agora, a previsión de vender 19 millóns de Switch 2 antes do peche do exercicio fiscal o vindeiro 31 de marzo.
