A Nintendo Switch renovarase en outubro

martes, 6 de xullo do 2021 Marcus Fernández

O 3 de marzo de 2017 saíu á venda a Nintendo Switch, consola que revolucionou o sector coa súa proposta híbrida entre consola doméstica e consola portátil, para un par de anos despois renovarse por partida dobre cunha versión Lite (máis pequena e unicamente portátil) e cunha actualización que basicamente incrementaba a autonomía da consola. Tecnicamente a consola seguía a estar moi por debaixo do que actualmente temos noutras consolas e mesmo en móbiles e tabletas, pero iso non é un problema para Nintendo, xa que coas súas grandes franquías continúa a ter unhas vendas envexables, e hoxe constatan a solidez da súa aposta presentando a Nintendo Switch modelo OLED, que chegará ás tendas o 8 de outubro.

JPEG - 86.8 KB
As novas consolas terán unha caixa que identifica claramente que estamos ante un modelo con pantalla OLED

Aínda que os días anteriores á presentación da Nintendo no marco da feira E3 falábase da inminente presentación dunha Nintendo Switch Pro capaz de mover xogos en 4K, a nova consola é moito máis modesta, de xeito que non muda en absoluto dende o punto de vista dos videoxogos, e limita as súas novidades ter unha mellor pantalla (agora con tecnoloxía OLED e unha diagonal de 7 polgadas), un soporte ancho axustable (para facer máis doada a súa colocación sobre a mesa), unha nova base con porto LAN para conectar a consola á Rede, unha maior capacidade de almacenamento interno (64 GB), mellores altofalantes e novas cores (chegará na tradicional combinación de azul e vermello, pero tamén en cor branca).

JPEG - 60.7 KB
Os Joy-Con para a Nintendo Switch orixinal serán totalmente compatibles co modelo OLED

Podemos entender que estamos anta unha simple revisión da Nintendo Switch, que contará agora cunha pantalla con mellores cores e un tamaño lixeiramente maior por contar con marcos máis reducidos (a Switch orixinal ten unha diagonal de 6,2 polgadas), que será compatible cos seus modelos anteriores, polo que nin poderemos empregala para gozar de xogos con maior resolución nin se espera que se corrixa o grande problema que teñen os seus Joy-Cons (os seus mandos tenden a avariarse, rexistrando desprazamentos cara a un lado cando non se está a facer forza cara a ningunha dirección). Ao igual que en 2019, cando se mellorou a autonomía de Switch, o prezo manterase co novo modelo, aínda que iso normalmente tradúcese en rebaixas nos modelos anteriores.

Vídeo promocional da Nintendo Switch modelo OLED

PUBLICIDADE