A Noite Galega das Telecomunicacións celebra este venres 22 a súa XXV edición en Santiago

xoves, 21 de outubro do 2021 S. P.

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia organizan este venres 22 de outubro, no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela, a XXV edición da Noite Galega das Telecomunicacións. Trátase, en palabras da organización, “dun importante encontro de networking no que estarán presentes entidades, e empresas e profesionais do sector TIC, fundamentalmente galego, e que contará con presenza institucional”. A nova edición da Noite, que dá comezo ás 21.30 horas, celebra o 25 aniversario do evento baixo o slogan Liderando a transformación dixital galega.
Con anterioridade á celebración en si mesma da Noite, celebrarase a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, no mesmo Hotel Oca Puerta del Camino. Os premios recoñecen este ano o traballo de diferentes persoeiros e entidades que teñen destacado polas súas boas prácticas no ámbito TIC(Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Así, premiarase ao Centro Tecnolóxico Gradiant, á Universidade de Vigo, a enxeñeira María Encarnación Baltar, aos estudantes Moisés Rubén Pacheco e Marcos Martínez e ao proxecto Escoita 5G.
O acto de entrega dos premios, que presentará o actor e monologuista Javier Veiga, dará comezo ás 20.30 horas e nel participarán a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, entre outras autoridades.

PUBLICIDADE