A Noite da Enxeñaría en Informática outorgará o seu Premio Iniciativa Emprendedora ao proxecto Galnix
luns, 26 de maio do 2025
Dende o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) anuncian o fallo do Premio Iniciativa Emprendedora da XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2025, que vai para a iniciativa Galnix, o primeiro punto neutro de conectividade en Galicia.
Indo á premiada Galnix, sinalar que é unha iniciativa apoiada polas empresas galegas cloud.gal, Norvoz Telecom e Rede Aberta, que creou o primeiro punto neutro de conectividade en Galicia marcando o comezo dunha nova etapa na conectividade dixital en Galicia.
Segundo os seus impulsores: “Galnix non é só unha infraestrutura tecnolóxica, é un paso decisivo para situar a Galicia como referente dixital no noroeste peninsular”
O obxectivo deste proxecto é mellorar o acceso a Internet, fomentar a transformación dixital no tecido empresarial galego e reducir a dependencia de centros de datos distantes, situados en zonas como Madrid o Barcelona.
Galnix atópase no polígono da Sionlla, en Santiago de Compostela, é unha infraestrutura única, deseñada para conectar provedores de servizos de internet (ISPs), empresas, universidades e organismos públicos, facilitando o intercambio de datos de xeito rápido, seguro e eficiente.
Cómpre informar que a previsión de operatividade de Galnix é este verán. Engadir que estamos perante un proxecto que conta coa colaboración do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) debido ao seu potencial para mellorar a experiencia dixital en Galicia, especialmente en zonas rurais, sectores emerxentes e pequenas e medianas empresas.
En que se traducirá este novo nodo de conectividade en Galicia? Pois permitirá unha redución de ata un 75 % na distancia que os datos deben percorrer ata outros centros situados noutros puntos da Península, feito que mellorará a latencia na navegación por Internet e fortalecerá a interconectividade entre operadores dentro do ecosistema galego, con maior velocidade de navegación e unha rede máis segura ao permitir unha xestión e supervisión máis próxima do tráfico dixital.
Alén das vantaxes mencionadas, Galnix salienta pola súa “sostibilidade e a súa loita contra o cambio climático”, grazas á redución do consumo enerxético e a implantación dun sistema de climatización baseado en auga fría con tecnoloxía de freecooling que permitirá unha redución do Este proxecto non só garantirá un correcto servizo de internet no tráfico intracomunitario, senón tamén mellorará os procesos de mobilidade intelixente e autónoma en smart cities, un uso efectivo da telemedicina e a dixitalización de sectores estratéxicos, beneficiando a todos, desde ámbitos urbanos ata zonas rurais.
Galnix tamén avanzará en negociacións para establecer relacións e sinerxías con outros proxectos semellantes no eido español e europeo, como Espanix ou DE-CIX.
Cun investimento total de 2,1 millón de euros, financiado con fondos do IGAPE, Galnix ten o respaldo de 26 institucións e empresas que consideran que se trata dunha “iniciativa completamente innovadora, nova e singular” para o ecosistema TIC de Galicia. Asemade, conta co apoio do Concello de Santiago, 13 operadores de telecomunicacións; os dous Hubs de innovación dixital; os clústers de automoción, enerxías renovables, TIC; ou os colexios profesionais de Enxeñaría en Informática, de Telecomunicacións e Industrial.
Volvendo ao premio, os promotores de Galnix recollerán o galardón outorgado polo CPEIG na XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.