A Noite da Enxeñaría en Informática retransmitirase en streaming a máis de 400 profesionais do sector TIC galego
xoves, 26 de novembro do 2020
- Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
celebrará este venres 27 de novembro a XII
Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, un evento cunha
dobre vertente presencial e virtual. Terá lugar no Hotel OCA Puerta
del Camino de Santiago de Compostela, ás 21.00 horas, onde se
entregarán os premios anuais da profesión, mentres que na
retransmisión en directo estarán conectados (en
streaming a través de Youtube) máis de 400 profesionais
do sector TIC de Galicia.
Esta
duodécima edición será presentada pola xornalista María Almodóvar
e clausurada polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
Como
“espectáculo lúdico”, o evento contará coa actuación do
mago Jorge Blass que ofrecerá un show no que relacionará
a maxia coas novas tecnoloxías. Aproveitando a interacción directa
que ofrece o streaming, o mago fará varios trucos de maxia
con cartas (sobre a temática dos premios e de diversas cuestións do
contexto actual das novas tecnoloxías) para os que contará con
diferentes voluntarios.
Premios
O
CPEIG fallou nos últimos meses os premios anuais da profesión,
divididos en dez categorías, dos que se fará entrega mañá as
distincións correspondentes a cada premiado. Na categoría de
Grandes Proxectos TIC, o premio foi para a Cidade das TIC, proxecto
que se situará na Fábrica de Armas da Coruña, impulsado pola
Universidade da Coruña (UDC) e o Clúster TIC de Galicia co apoio do
Goberno central, Xunta de Galicia, Deputación e Concello da Coruña.
Recollerán o galardón o reitor da UDC, Julio Abalde; o presidente
do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; e o
subdirector de Desenvolvemento de Negocio do Igape, José Manuel
Fernández.
·
Na categoría Iniciativa da Administración o premio foi para
Smartiago, proxecto do Concello de Santiago que sitúa a Compostela
na vangarda da innovación municipal. Recollerá a distinción o
alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo.
· O
premio Iniciativa Empresarial concedeuse á aplicación móbil
Localsafe, a primeira app española que permite aos cidadáns buscar
establecementos seguros fronte á COVID-19. Recollerá o galardón o
CEO de Localsafe, Diego González.
· A
distinción e-Inclusión foi para a Confederación ASPACE, polo seu
proxecto colaborativo #ASPACEnet destinado a mellorar a calidade de
vida e a autonomía das persoas con parálise cerebral a través do
uso de solucións tecnolóxicas. Asistirá ao acto de entrega a
presidenta da Federación Aspace Galicia, Mónica Touriño.
· O
premio Proxecto Fin de Mestrado recaeu en Aida Vidal Balea (Cambados,
1995), enxeñeira en Informática e investigadora de novas
tecnoloxías de Realidade Aumentada, polo seu proxecto Aplicación
gamificada mediante realidade aumentada para incentivar a actividade
física de pacientes pediátricos de longa estancia, como
Traballo Fin de Mestrado na Universidade da Coruña (UDC). A propia
Aida Vidal recollerá a súa distinción.
· O
premio Innovación Tecnolóxica no Ensino foi para a Tecnópole, pola
súa vocación na divulgación científica entre os máis novos. O
Parque Tecnolóxico desenvolve Galiciencia, a maior feira científica
da comunidade, aulas e campamentos tecnolóxicos para rapaces e
proxectos para animar ás rapazas a estudar carreiras STEM. Recollerá
o premio o director xerente da Tecnópole, Ricardo Capilla.
· O
galardón da Iniciativa Emprendedora foi para a compañía
tecnolóxica coruñesa Appentra, polo seu traballo en computación
paralela e o espectacular crecemento desde o seu nacemento en 2012
como spin-off da Universidade da Coruña (UDC). O seu CEO,
Manuel Arenaz, non poderá estar en persoa no evento pero acompañará
a todos os asistentes en directo por online.
· O
Colexio profesional recoñece a Traxectoria Profesional do doutor en
Informática Miguel Rodríguez Rubio, catedrático da Escola
Universitaria na Universidade da Coruña (UDC), con ampla experiencia
docente e no sector privado, que asistirá á gala para recoller a
distinción.
· O
premio Ada Byron foi este ano para a enxeñeira en informática
Sabela Ramos. Traballa en Google Research, onde desenvolve
actualmente ferramentas para Reinforcement Learning
(aprendizaxe por reforzo), unha rama do Machine Learning.
Forma parte do colectivo Google Women in Engineering, onde se
estimula a presenza feminina no sector TIC. Por cuestións laborais e
a situación actual que afecta a todos os países, Sabela Ramos non
poderá estar no evento.
· O
premio Colexiado de Honra foi para Miguel A. Amutio, director da
División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade do
Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, pola súa
contribución ao desenvolvemento da administración electrónica en
España. Miguel A. Amutio estará presente no evento de mañá.
Gala consolidada
A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido polas enxeñeiras e enxeñeiros en Informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o Colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.