A Noite do CPEIG fortaleceu o espírito dunha «profesión que transforma o mundo»

venres, 27 de xuño do 2025 S. P.

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou este venres 27 de xuño a súa XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Fíxoo cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago e coa entrega dos premios anuais da profesión. Asistiron máis de 400 convidados ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais do eido tecnolóxico.
Foron 14 as distincións anuais que se entregaron na gala, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
O primeiro punto neutro de intercambio de tráfico de datos en Galicia, Galnix; a enxeñeira informática Josefina Alonso, directora de Operacións do Digital Innovation Hub da Industria de Galicia; o doutor en Informática Luis de Salvador, director da División de Innovación Tecnolóxica da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD); a Olimpiada Informática Española; o CTAG, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia; o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago polo seu Plan de Benestar Dixital; a compañía Accenture, pola súa participación no Programa Nacional de Algoritmos Verdes; a Consellería de Sanidade pola súa certificación no alto nivel do Esquema Nacional de Seguridade; o proxecto Neurocloud, da spin-off coruñesa Qubiotech; a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego na formación dos profesionais galegos a través do programa formativo do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia; o enxeñeiro informático Santiago Noriega; a empresa Unisys; o proxecto QUORUM; e o catedrático emérito de Enxeñaría Química, Juan Casares Long; son as persoas, proxectos, organismos e entidades distinguidas.

Compartindo valores

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, destacou na súa intervención que a Noite da Enxeñaría en Informática é un encontro para compartir valores, recoñecer traxectorias e fortalecer o espírito dunha “profesión que transforma o mundo”, poñendo en valor o talento, a innovación e a responsabilidade social que a definen. “A Enxeñaría Informática non é só tecnoloxía, é tamén compromiso, impacto e futuro”, sinalou, engadindo que a cita é tamén unha homenaxe á comunidade, “un ecosistema ou rede diversa, dinámica e creativa que impulsa Galicia desde o coñecemento e a innovación”, con proxectos que botan a andar cunha idea nun garaxe ata empresas que prestan servizos tecnolóxicos nos cinco continentes. Así, Suárez felicitou a todas as persoas e entidades galardoadas, subliñando o seu traballo que inspira a seguir construíndo unha profesión con valores, visión e paixón. O presidente agradeceu a colaboración de todos os patrocinadores que fan posible a gala da Noite “como parte esencial do calendario da enxeñaría informática galega”.
Ademais de festexar os avances tecnolóxicos da comunidade, Fernando Suárez manifestou que no evento tamén se celebrou o impacto profundo e positivo que a tecnoloxía ten na sociedade. “Vivimos un momento crucial na historia da humanidade. A Intelixencia Artificial, a ciberseguridade e a xestión do dato están a redefinir as regras do xogo económico, social e político. Europa e España teñen por diante unha gran responsabilidade: liderar o cambio desde a innovación, pero tamén desde a ética e unha regulación axeitada”, argumentou.
Facendo referencia á IA, Suárez sinalou que os tecnólogos non deben permitir que se alimente unha cultura negativa e deben intentar democratizar o seu uso, para que a Intelixencia Artificial non se converta en patrimonio de poucas empresas que utilicen o seu enorme potencial en beneficio propio. A pesar de que moitos defenden a idea de que a Intelixencia Artificial xeral chegará case de forma inminente, Suárez explicou que o impacto real da IA só se manifestará cando as persoas e organizacións aprendan a utilizala de maneira eficaz, o que implicará construír aplicacións útiles, formar ás persoas traballadoras, adaptar os fluxos de traballo e navegar polo complexo terreo regulador e cultural que acompaña a toda nova tecnoloxía. “Son procesos lentos, a escala humana. O que limita o crecemento non é a falta de innovación, senón os colos de botella noutras áreas complementarias, como infraestrutura, políticas públicas, forza laboral e cultura”, indicou.
O presidente do CPEIG manifestou que as empresas, en canto á IA, deberían ser prudentes á hora de implantar tecnoloxías pouco maduras. “Construír produtos fiáeis segue sendo un gran desafío, e integrar a IA nos fluxos de traballo require moita experimentación e axustes. A idea de que os axentes de IA poden substituír directamente ás persoas traballadoras non só é errónea, senón perigosa”, indicou.
Sobre o papel dos gobernos na IA, Suárez explicou que “deben reorientar o seu enfoque, centrándose en crear condicións que permitan que esta tecnoloxía teña un impacto positivo, investindo en educación, mellorando as infraestruturas, reformando institucións obsoletas, apoiando a reconversión laboral e establecendo regulacións que fomenten unha innovación responsable, ética e segura. O maior obstáculo para obter beneficios económicos da IA non é a falta de intelixencia, senón a falta de preparación”, engadiu.

Personalidades

Esta décimo sétima edición foi inaugurada polo presidente do CPEIG e contou coa asistencia do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos López-Prado; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo Queijo; e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao Abad; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
A gala estivo conducida polo humorista e actor albaceteño Goyo Jiménez, creador artístico coñecido por colaborar en diferentes programas de televisión, pero, sobre todo, grazas a súa faceta como cómico ou monologuista de stand up comedy. A Noite tamén contou coa actuación dun grupo de magos que animaron o cóctel e a música do grupo boirense D’’Crooners Band que interpretaron grandes éxitos do século XX.

Miguel Corgos salienta o traballo conxunto pola mellora da Administración

Pola súa banda, no transcurso da gala, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou o papel esencial dos enxeñeiros informáticos nunha Galicia que aposta pola mellora da calidade de vida das persoas e a súa seguridade e por unha economía que xere riqueza e gañe competitividade.
Durante a súa intervención na XVII edición da gala Noite da Enxeñería en Informática de Galicia, Corgos incidiu na importancia do traballo conxunto para acadar unha Administración Autonómica dixital máis eficaz, máis personalizada, máis segura e máis accesible, con iniciativas como a aplicación para móbiles XuntaEU, a nova carpeta cidadá ou a modernización da sede electrónica.
A modo de exemplo, resaltou a aposta do Goberno galego pola universalización e actualización permanente dos servizos públicos dixitais como a Xustiza, a Educación ou o transporte; pola xestión intelixente dun territorio conectado e monitorizado, con dispositivos de Internet das Cousas; pola capacitación dixital da cidadanía, coa nova Certificación Galega en Competencias Dixitais; ou pola dixitalización dos sectores primarios, con proxectos como as lonxas dixitais ou a Plataforma Agroforestal de Galicia.
Nesta liña, asegurou que os premios entregados nesta gala son un “bo índice” do compromiso de Galicia cun desenvolvemento tecnolóxico que conxuga os avances a medida que se van producindo, coas necesidades específicas do noso territorio e da nosa poboación.

Premios

Premios Premio Iniciativa Emprendedora
O galardón recaeu en Galnix, o primeiro punto neutro de intercambio de tráfico de datos en Galicia. A iniciativa, impulsada polas empresas galegas cloud.gal, Norvoz Telecom e Rede Aberta, busca mellorar o acceso a Internet e fomentar a transformación dixital no tecido empresarial galego, sobre todo en zonas rurais e entre as pemes.
Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática
O galardón foi para a enxeñeira informática Josefina Alonso pola súa “excelencia e innovación” no sector tecnolóxico. Cunha sólida formación en enxeñaría informático, o CPEIG destaca a súa traxectoria profesional na que liderou proxectos de transformación dixital e promoveu a adopción de metodoloxías áxiles en diversas organizacións.
Premio Traxectoria Profesional
O galardón concédese ao doutor en Informática Luis de Salvador, director da División de Innovación Tecnolóxica da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) desde 2019, polo seu “rigor e visión” no desenvolvemento das orientacións para o uso de servizos tecnolóxicos por parte da sociedade, en especial por menores.
Premio Especial CPEIG-En memoria de Hernán Vila
Nesta categoría foi premiada a competición informática máis importante e antiga de España, a Olimpíada Informática Española. O certame, creado en 1997 pola Fundación Aula Escola Europea de Barcelona, pretende achegar a programación algorítmica a idades temperás.
Premio Iniciativa Empresarial
O recoñecemento foi para o CTAG, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, referente internacional en I+D+i aplicada á automoción e á mobilidade do futuro con máis de 20 anos de traxectoria, cun investimento acumulado superior aos 70 millóns de euros e máis de 1.000 profesionais.
Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino
A distinción foi para o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago recibe o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino do CPEIG polo seu Plan de Benestar Dixital. Esta iniciativa, pioneira en Galicia, fomenta a “promoción eficaz dun uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía”, a través dun enfoque integral da súa comunidade educativa.
Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)
A distinción foi para Accenture, compañía tecnolóxica global con oficinas na Coruña e Vigo, que participa no Programa Nacional de Algoritmos Verdes para o desenvolvemento dunha IA sostible.
Premio Iniciativa da Administración
O recoñecemento recaeu na Consellería de Sanidade pola súa certificación no alto nivel do Esquema Nacional de Seguridade. É a primeira entidade nacional en obter esta autentificación para todos os seus servizos e en todos os centros sanitarios de Galicia, que garante á cidadanía a protección de datos sensibles e é un exemplo de excelencia na posta en marcha de medidas avanzadas de seguridade dixital.
Premio e-Inclusión
O recoñecemento recaeu no proxecto Neurocloud, da spin-off coruñesa Qubiotech, unha solución innovadora usa a Intelixencia Artificial para mellorar o fluxo diagnóstico de doenzas neurodexenerativas como o alzhéimer, o parkinson, a epilepsia ou a esclerose múltiple.
Premio Colaboración Interadministrativa
Recoñécese a colaboración público-privada co sector TI galego da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego na formación dos profesionais galegos a través do programa formativo do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, o máis relevante de todo o Estado.
Premio Colexiada/o de Honra
O catedrático emérito de Enxeñaría Química Juan Casares Long é o novo Colexiado de Honra. O CPEIG concédelle esta distinción pola súa contribución ao avance tecnolóxico de Galicia. Presidiu a Comisión Técnica de Informática de Galicia, foi o primeiro director do Centro de Supercomputación de Galicia, e o impulsor e responsable da posta en marcha de Meteogalicia.
Premio Traballo Fin de Máster
O enxeñeiro informático Santiago Noriega, da Universidade da Coruña, gaña este recoñecemento co seu proxecto TapIt, unha tarxeta de visita con tecnoloxía NFC para a nova era do networking profesional. Os finalistas, tamén da UDC, foron David Esteban, por un traballo sobre a personalización, explicabilidade e sustentabilidade en sistemas de recomendación, e Ángel Paderne, por un proxecto sobre un sistema de alta seguridade para a xestión privada dos datos médicos dos pacientes.
Premio 17º Aniversario CPEIG
A empresa global de solucións tecnolóxicas Unisys, cunha década apostando polo talento e a innovación en Galicia desde a súa sede de Santiago, foi distinguida co Premio 17 Aniversario do CPEIG. A compañía suma máis de 150 años transformando os negocios e mellorando a vida das persoas a través da tecnoloxía.
Premio Impulso Dixital Galicia
O proxecto QUORUM, destinado a promover a computación cuántica en España, foi distinguido con este recoñecemento. Un consorcio de entidades, liderado polo centro vigués Gradiant, uniuse para crear este entorno colaborativo e desenvolver talento e transferir coñecemento.