A Nosa Terra apostará polo formato virtual
mércores, 1 de setembro do 2010
A Rede non é só acubillo, pero ás veces funciona como tal. O curioso do asunto é que ten capacidade para darlle vida e preservar proxectos cos que a priori chocaba: os que tiñan formatos de comunicación tradicional. Este foi o caso dun bo número de xornais e revistas de tódalas índoles e procedencias que ao longo dos últimos anos apostaron pola Rede como vía de supervivencia perante a crise de lectores en papel. O camiño non está pechado, nin moito menos, e nos últimos días fomos testemuñas dun triste cese editorial, o do xornal en papel A Nosa Terra, e da conseguinte procura na Rede dun futuro para o histórico medio galego.
Segundo conta El País nunha completa reportaxe sobre a situación presente e vindeira da histórica publicación galega, todo apunta a que A Nosa Terra afianzarase na virtualidade que xa bosquexou ao longo destes anos na súa web.
Este novo paso do xornal, anunciado tras entrar en concurso de acreedores e renunciar á súa edición semanal en papel (por primeira vez en tres décadas), responde á crise na que se ve inmerso, unha crise que a xuízo da editorial (Promocións Culturais Galegas) débese á falta de liquidez e á imposibilidade de renegociar a débeda.
A nova andaina de A Nosa Terra, como dixemos, vai pasar por unha maior aposta polo formato dixital. O xornal, que aínda non vai botar o peche, ten un equipo humano de 28 persoas. A idea é proseguir como xornal en liña e coa súa principal fonte de negocio, a edición de libros en galego, malia que esta actividade, din, sexa “outra empresa en extinción”. Dende aquí aproveitamos para desexarlles a mellor das sortes.