A Nova Experiencia Xbox está a ser todo un éxito

xoves, 11 de decembro do 2008 Marcus Fernández

O lanzamento da Nova Experiencia Xbox (NXE) parece ser todo un éxito para Microsoft e así, a renovación da interface de uso da Xbox 360, aínda que non sexa un elemento vende-consolas, impulsou de xeito importante a actividade en liña dos seus usuarios, de xeito que xa se superan os 14 millóns de membros desta comunidade en liña.
A renovación do Dashboard da Xbox 360 publicouse oficialmente o 19 de novembro, e dende ese día os usuarios incrementaron o seu número de amigos nesta plataforma un 33%, especialmente porque esta plataforma non serve só para xogar senón tamén para comunicarse e mesmo abre a porta a máis de 30.000 películas, episodios televisivos e vídeos musicais en definicións estándar e alta (aínda que o tamaño deste catálogo é máis reducido en Europa). De feito, as descargas de episodios televisivos tamén incrementouse un 49%, as vendas de Xbox LIVE Arcade triplicáronse na primeira semana de lanzamento da NXE e os xogos que permiten a integración de avatares personalizados tamén gozaron de máis éxito, polo que se pode asegurar que foi todo un acerto este cambio.
Para que os usuarios da Nova Experiencia Xbox sintan mellor o período que estamos a vivir tamén decidiron publicar un tema invernal de balde (así como roupa de abrigo para os avatares), para que a neve chegue á Xbox 360 e a experiencia de uso sexa máis agradable durante estas datas.


Aparencia do tema invernal para a Xbox 360