A OCU sitúa a R como o provedor de Internet mellor valorado

mércores, 28 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) vén de ofrecer no seu número de marzo da revista Compra Maestra un artigo sobre os diferentes provedores de Internet en España, tratando de meterse de cheo en cales son os que mellores servizos ofrecen ou cales os que poñen ó noso alcance un departamento de atención ó cliente máis eficaz e completo, entre outros temas. No estudo de OCU –que podemos ver aquí en formato pdf se estamos inscritos na web da plataforma- aparece o provedor galego, R, e non precisamente entre os máis criticados, senón máis ben o contrario. O caso é que a dita empresa vén de obter a mellor das valoracións a nivel do estado español logo dun estudo sobre o nivel de satisfacción dos clientes, as velocidades de subida, descarga e navegación, o tempo de retardo e (tamén) a calidade do servizo de atención ó cliente. Na investigación de OCU, R aparece con mellor nota cás restantes empresas (de cable e de ADSL).
Sexa como sexa, os datos non son novos, xa que se trata do cuarto ano no que R obtén estas boas cualificacións perante a OCU, sendo a empresa galega a única xunto con Euskaltel que vén de ser considerada “boa” polos seus propios clientes. “En xeral”, sinala a empresa nun comunicado, dáse as circunstancia de que os operadores “que emprestan os seus servizos sobre as súas propias redes, como os de cable ou a propia Telefónica, superan ás opcións que alugan a rede do operador dominante”. Para R, está ben claro que estes datos significan o afianzamento da fibra óptica como a alternativa que a medio prazo achega meirandes índices de calidade, “mesmo superando ó ADSL”, sinala.